12 de abr. de 2021

GALICIA

En abril de 1991 vía a luz o primeiro número da revista que se publica de xeito ininterrompido desde entón    

ECO Revista do Eixo Atlántico cumpre 30 anos informando sobre a realidade económica, empresarial e social de Galicia e norte de Portugal  

A revista deste mes, que xa está nos quioscos e puntos de venda, é un especial no que colaboran representantes institucionais, sindicais, empresariais, o mundo da cultura, da universidade… todos os sectores que contribuíron a facer de Galicia o que hoxe é  


                                            “Especial 30 aniversario” de ECO, Revista do Eixo Atlántico

Infogauda / Santiago de Compostela 

 Xa está na rúa o “Especial 30 aniversario” de ECO, Revista do Eixo Atlántico. Este mes de abril a publicación decana de economía, empresa, sociedade e política, líder en Galicia e con  presenza na eurorrexión Galicia-Norte de Portugal celebra 30 anos desde que outro mes de abril de 1991 vía a luz aquel primeiro número. Tres décadas nas que ECO deixou constancia da enorme transformación vivida en todos os ámbitos e, especialmente, no económico e empresarial.  

 Tal como asegura o editorial, este número especial é “un recoñecemento ao que este recuncho do noroeste peninsular ten logrado nestas últimas tres décadas, probablemente as de maior benestar e prosperidade da historia. Un logro colectivo da cidadanía galega que ECO tivo a honra de narrar, mes a mes, durante 30 anos ininterrompidos, o que non é mérito menor neste difícil sector dos medios de comunicación”.  

 Tamén destaca o consello editorial de ECO, que preside o fundador da revista Gonzalo Vázquez Pozo, o feito de manter un medio que “usa fundamentalmente a lingua propia, demostrando non só que é un vehículo perfectamente válido para divulgar, informar e opinar, senón que é ben acollido pola cidadanía galega que nestes trinta anos non deixou nunca de apoiar esta revista plural e aberta onde tiveron cabida todas as persoas, ideoloxías, crenzas e ideas que xogaron algún papel no devir recente deste finisterrae”

Agradecemento a toda a sociedade galega 

 Para mostrar esa pluralidade, convidouse a participar neste “Especial 30 aniversario” a multitude de axentes públicos e privados, dos máis diversos ámbitos. Case corenta aceptaron a proposta, entre eles os presidentes do Goberno e do Parlamento galegos, o arcebispo de Santiago de Compostela, responsables políticos e sindicais, representantes empresariais, os reitores das tres universidades, xente do mundo da ciencia, da cultura etc.  

 “Todas esas persoas, institucións, organizacións, sindicatos, empresas… que xenerosamente participan neste número, e todas as que o teñen feito nos 359 números de ECO, son as que fixeron de Galicia o que hoxe é: un lugar aberto ao mundo, máis plural, democrático, igualitario, inclusivo e respectuoso do que era en 1991. O noso obxectivo neste momento, probablemente o máis complicado destas tres décadas, é volver a ser a voz de quen permitirá seguir esa senda que abrimos entre todos”, indican os responsables da revista que agradecen tamén “a anunciantes, subscritores, compradores, distribuidores, quioscos e puntos de venda…  e, por suposto, a todas as persoas que fixeron posible a revista ao longo  destas tres décadas, desde editores e directores até xornalistas, deseñadores, persoal de publicidade e administración e, por suposto, ás ducias de colaboradores que deixaron o seu aporte nas páxinas de ECO”.  

 A alegría de celebrar un aniversario tan especial queda matizada pola difícil situación provocada pola pandemia pero, tal como teñen reflectido as páxinas de ECO, foron moitas as crises e traxedias vividas ao longo destes anos e de todas fomos quen de saír con afouteza. Nin a pandemia, nin o confinamento, nin o estado de alarma  impediron a ECO seguir saíndo á rúa cada mes con información contrastada e independente e sempre da man de voces expertas capaces de trasladar unha mirada reflexiva, crítica e veraz sobre a actualidade máis próxima. Unha esperanza que se mantén máis activa que nunca neste mes de abril de 2021, como vén se aprecia na portada da revista, unha alegoría á primavera que comeza a agromar.  

Un momento de esperanza compartida  

 Tanto o presidente da Xunta como o do Parlamento de Galicia subliñan tamén este mensaxe de esperanza. Di Alberto Núñez Feijóo que “neste contexto histórico, celebramos os 30 anos da revista ECO: tres décadas dun compromiso co desenvolvemento económico de Galicia que hoxe está máis vixente ca nunca e que, sen dúbida, nos une. Estou convencido de que ECO seguirá sendo durante moito tempo unha das fiestras ás que os galegos nos asomaremos para contemplar a transformación económica e social de Galicia, e sinalar novos horizontes”.   

 O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, destaca “o avance que Galicia e a súa xente protagonizaron nestas tres últimas décadas” e nos que tivo moito que ver a “consolidación da autonomía política”. “Unha realidade rica, poliédrica e con enorme potencial de crecemento, de creación de riqueza e benestar, da que ECO deu conta neste tempo. Teño a esperanza, e tamén a certeza,  de que o continuará a facer nas décadas que están por vir, co rigor e coa ilusión de sempre”.  

 Pola súa banda o arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio, recorda que estamos nun Ano Santo que convida á esperanza e, a esa mensaxe nos aferramos, como o faciamos naquel abril de 1991 co próximo Xacobeo 93 que, finalmente, marcou un fito histórico para esta Comunidade. Unha Comunidade que ten en ECO unha fiestra aberta ao mundo.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario