23 de abr. de 2021

CULTURA

A Deputación de Pontevedra lanza "Aviventa", unha potente programación que este ano espallará "cultura para coller alento" 

· Suporá un investimento de 2,8 millóns de euros para levar a toda a provincia música, patrimonio, teatro, escrita, cinema, lingua, arte, artesanía e historia


A presidenta da Deputación e a deputada provincial de Cultura, na presentación da programación cultural para este 2021 - Foto: D.PO.


Infogauda / Pontevedra

 A Deputación de Pontevedra vén de lanzar a súa potente programación cultural para o 2021 que, cun investimento de preto de 2,8 millóns de euros, vai "aviventar" o sector na provincia. Estes recursos, que non inclúen os preto de dez millóns de euros destinados ao Museo de Pontevedra e ás actividades culturais que se promoven dende os distintos servizos da institución, converten á Deputación "nunha referencia cultural en toda Galicia" e permitirán apoiar "máis que nunca e tras un ano complexo de pandemia, ás persoas que fan posible a cultura e participan dela", tal e como explicou a presidenta. "Aviventa cultura. Cultura para coller alento", como así se denomina a programación cultural da entidade para o 2021, artella unha ampla serie de actividades relacionadas coa música, o patrimonio, teatro, escrita, cinema, lingua, arte, artesanía e historia que a Deputación espallará por todos os concellos da provincia.

"Queremos –asegurou Carmela Silva- reanimar, fortalecer, protexer, propiciar e incentivar a cultura do noso territorio tras pasar un momento crítico no que a cultura foi o noso grande refuxio e pasou grandes dificultades". Para elo a presidenta amosou a vontade de "dar un paso máis" e "acompañar con enerxía e carácter positivo á cultura sendo cómplices da creación artística, fortalecendo o tecido cultural, impulsando ás e aos profesionais, dando ao público a posibilidade de gozar da cultura e vertendo novas olladas sobre o patrimonio e o territorio". Deste xeito, a programación responde aos obxectivos de democratizar a cultura estendéndoa a todos os espazos da provincia, alzar ao sector profesional, recobrar a presenza da cultura na sociedade e economía, programar e respirar cultura nas rúas, alimentar a confianza do público e sentir a cultura ao vivo partindo, amais, dos 17 ODS da Axenda 2030.

Programación

 Amais de programas xa asentados como Pontegal (cun orzamento de 600.000 €), Musigal (dotado con 500.000 €) ou as subvencións para actividades culturaisfestivais audiovisuais, festivais musicais ou escolas de música (480.000 €), "Aviventa cultura. Cultura para coller alento" conta con dez eixos temáticos: Aviventa música (315.000 €), Aviventa patrimonio (246.000 €), Aviventa teatro (80.000 €), Aviventa escrita (25.000 €), Aviventa cinema (245.000 €), Aviventa a nosa lingua (27.500 €), Aviventa arte, artesanía e historia (30.000 €), Aviventa nas datas culturais (50.000 €), Aviventa a comunidade cultural (85.000 €) e Aviventa o coidado da nosa cultura (83.000 €).

 En canto a Aviventa música continuarase co ciclo de concertos de música clásico-contemporánea "Música no Ar", así como coa programación de festivais "Rías Baixas Fests" e o programa "Descúbreas". Con Aviventa patrimonio lanzaranse dous novos programas: "Tras as ameas", a programación cultural nos castelos de Soutomaior e Sobroso, e "Historias cavadas", visitas escenificadas aos castros musealizados da provincia. Amais, nesta mesma sección tamén se continuarán coas rutas de arquitectura e se impulsará a musealización do castelo de Sobroso.  

 No marco de Aviventa teatro lanzarase unha novidosa iniciativa: "Tornar ás táboas", cunha programación específica de teatro nos 51 concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes.  Pola súa banda, e no que respecta a Aviventa Escrita, incluirase a programación da II edición da Escola de Letras e os Roteiros Literarios.  Tamén o cinema será protagonista, Aviventa cinema, no que están integrados "Pontevedra plató de cinema" e o apoio aos festivais Rías Baixas Film Fest, así como unha nova campaña de difusión con accións como "A Depo en ruta polos festivais", "De feira en feira", "Que non che conten a película!" ou "#EuSonRíasBaixasFilmFest". 

 A programación cultural para este ano comprende amais accións para festexar e promocionar a lingua no marco de Aviventa as nosas letras, que inclúe unha actividade multidisciplinar con motivo do Día das Letras Galegas, pero tamén mostras en homenaxe a Xela Arias como "Lebres como gacelas" e "Xela Arias. A poesía do teatro", un concurso creativo para difundir a súa figura e o apoio a editoriais galegas.  Tamén se organizarán exposicións itinerantes enmarcadas en Aviventa arte, artesanía e historia como "Tecendo a natureza. Enrique Táboas", "Vento nas velas", "O imaxinario do país. Letras de magnesio" e "Cines de Pontevedra. Memorias dunha ilusión", así como se celebrarán datas culturais baixo o lema Aviventa nas datas culturais, que inclúen o Día de Rosalía, da Poesía e do Teatro e os días do Libro, da Danza, das Letras Galegas, da Música e do Cinema así como o centenario do falecemento de Emilia Pardo Bazán.

 O eixo temático Aviventa a comunidade cultural inclúe a colaboración coa Culturgal e as feiras do libro 2021, así como os premios Otero PedrayoMulleres no Foco, Mª Luz Morales e Martín Códax e, finalmente, Aviventa o coidado da nosa cultura integra a colaboración coas entidades que promoven a cultural vencellada á provincia como as fundacións Laxeiro, MARCO e Rosalía de Castro e o Museo do  Pobo Galego.

 Amais da programación de "Aviventa cultura. Cultura para coller alento", a Deputación de Pontevedra inviste sete millóns de euros no Museo de Pontevedra e outros preto de 2,8 millóns de euros en actividades culturais a través dos diferentes servizos da institución ben sexa a través dos programas de dinamización da lingua galega, dos servizos de normalización lingüística, da publicación e edicións audiovisuais, da posta en valor do patrimonio marítimo-fluvial e histórico-cultural, da musealización dos xacementos, do desenvolvemento de contidos divulgativos e pedagóxicos, da posta en valor do patrimonio inmaterial, ou de certames e premios como Novos Valores ou á Xuventude ou programas como DepoRúArte e Mulleres en Acción. Violencia Zero.

Ningún comentario:

Publicar un comentario