A Xunta de Galicia financia unha nova área de descanso para peregrinos no tramo municipal do Camiño Portugués da Costa
· Contou cunha subvención da orde de axudas para a mellora e embelecemento do Camiño, por importe de 10.000 euros
· A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, visitou a zona acompañada do delegado territorial da Xunta e o alcalde do concello
Fotos: X.G.
Infogauda / A Guarda
Na súa aposta polo embelecemento e mellora dos servizos no Camiño de Santiago, a directora de Turismo de Galicia participou hoxe nunha visita na zona da Lamosa (A Guarda), para poñer en valor a nova área de descanso coa que conta o Camiño Portugués da Costa, que en Galicia comeza precisamente no concello da Guarda.
A directora de Turismo, Nava Castro, subliñou a importancia destas pequenas intervencións tanto polo seu impacto visual como pola mellora da experiencia do peregrino. “Levamos moito tempo traballando para que o Camiño estea preparado para recibir aos peregrinos en canto as condicións sanitarias o permitan”, asegurou, ao tempo que fixo fincapé na mellora paisaxística como un dos grandes piares de actuación no Camiño de Santiago.
Trátase dunha acción que se levou adiante en terreos da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común da parroquia de A Guarda, feito que Nava Castro puxo en valor no acto, no que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta, Luis López, o alcalde da Guarda, Antonio Lomba, e o presidente da xunta reitora da devandita Comunidade de Montes, Manuel Castro.
A nova área de descanso ocupa un espazo de preto de 1,8 quilómetros cadrados nos que se colocou unha zona axardinada con árbores, mesas e bancos nunha actuación que contou cunha subvención de 10.000 euros. Esta área de descanso, precisamente, beneficiouse da liña de axudas da Xunta de Galicia para actuacións de mellora paisaxística e de embelecemento de bens e recursos que se atopen no Camiño de Santiago, á que a Xunta destinou o ano pasado 1,2 millóns.
Para este ano, esta liña de axudas increméntase nun 25% ata chegar aos 1,5 millóns de euros o que permitirán incrementar o número de actuacións de mellora en todos os itinerarios do Camiño de Santiago, mellorando a imaxe que os peregrinos se levan do Camiño e do seu percorrido por Galicia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario