A campaña “Galiza nación. Un pobo con dereitos” de coloquio no Centro Cultural
Con Henrique del Bosque Zapata, profesor e licenciado en Dereito
Infogauda / A Guarda
Dentro da campaña “Galiza nación. Un pobo con dereitos” que desenvolve Vía Galega, enmárcase este acto que se celebrará no Centro Cultural de A Guarda, o próximo venres 9 de abril ás 19:30 horas. Intervirá o profesor e licenciado en Dereito, Henrique del Bosque Zapata.
Debido ás medidas de prevención da COVID, haberá aforo limitado e é obrigatorio asistir con máscara.
“O acto ten como finalidade dar a coñecer a nosa propia valía como pobo, as nosas capacidades, con cultura e lingua propias, unha economía peculiar coa súa extructura singular diferenciada, un territorio diferente e uns hábitos sociolóxicos que nos conforman como unha nación.
O obxectivo deste acto é desmontar a idea de que somos un pobo sen estima, sen capacidade, un pobo acomplexado que precisa vivir a sombra doutros pobos, doutras culturas para existir. A subordinación na que vivimos é unha cuestión de tipo político, unha decisión que nada ten que ver coa realidade do noso país. Somos unha nación a que lle está negada a propia soberanía e iso lévanos a non poder xestionar as nosas riquezas que son moitas”, afirman desde Vía Galega.
HENRIQUE DEL BOSQUE*Henrique del Bosque Zapata (Ourense, 1959) é licenciado en Dereito e mestre, na actualidade xubilado. Colaborou en diversas revistas e publicacións, como "Vieiros", "A Nosa Terra", "Praza", "Sermos Galiza" ou "Nós Diario". Publicou diversos libros: "Lexislación para o profesorado. Guía práctica" (Xerais, 1993); "Guía dos dereitos do profesorado", para a CIG-Ensino (2001); "Dereito de autodeterminación, un potencial democrático" (2010); "E logo, temos razóns para ser nacionalistas?" (Xerais, 2014) e "Súbditos ou cidadáns?" (Xerais, 2020).
*Fonte: Xerais
Ningún comentario:
Publicar un comentario