21 de abr. de 2021

A GUARDA

O Concello empregará os seus aforros en investimentos  

•  Co remanente de tesourería positivo xerado no exercicio de 2020, serán acometidas unha serie de obras, ademáis de proceder á adquisición de equipamento necesario para mellorar os servizos á cidadanía  


Casa do Concello de A Guarda - Foto: Infogauda

 Infogauda / A Guarda

 O concello de A Guarda celebrou ás 8:30 h. de onte martes día 20 de abril un pleno extraordinario de contido económico para aprobar créditos extraordinarios e suplementos de crédito procedentes do remanente de tesourería para acometer distintos investimentos de carácter urxente que obtiveron o apoio de toda a corporación municipal. 

 Os principais investimentos previstos, por un importante total de 399.000 euros, son os que se detallan a continuación: 

ADQUISICIÓN DE NOVO CAMIÓN PARA O SERVIZO MUNICIPAL DE RECOLLIDA DE LIXO

 O concello de A Guarda conta cun servizo de recollida de lixo de xestión municipal. Para seguir optimizando os medios dos que dispón este servizo e necesario proceder de xeito urxente a substitución do camión. 

 Nestes momentos o servizo de recollida de lixo conta con dous camións (sen contar con outros vehículos que se utilizan na recollida de voluminosos ou noutras tarefas) debido as diferentes características das rúas por onde é necesario facer a recollida diaria. Segundo vén de comunicar o equipo de goberno local "o camión de maior envergadura chegou ao final da súa vida útil, polo que era necesario proceder á adquisición dun novo vehículo. O orzamento  previsto para esta inversión acada os 100.000 euros". 

CONVENIOS COA SECRETARÍA XERAL PARA O DEPORTE

 No ámbito deportivo o concello está pechando tres convenios coa Secretaría Xeral para o Deporte. Estes tres convenios requiren dunha achega municipal do 20%. O primeiro destes convenios consiste na instalación dun videomarcador no pavillón municipal da Sangriña. No mesmo pavillón procederase á instalación dun sistema anticondensación para evitar un dos problemas máis graves que ten ese recinto deportivo. 

 Por último, a cuberta da sede do Club de Remo Robaleira sufriu no último ano un deterioro importante debido á climatoloxía, polo que é necesario acometer súa renovación e o pintado exterior das instalacións. 

 A suma dos tres convenios supera os 147.000 euros. 

ACTUACIÓNS PREVISTAS NO ENTORNO DO PORTO

 Ademais do indicado anteriormente, no Porto están contempladas dúas actuacións. A primeira é a modificación dos contedores no inicio da rúa do Porto para facilitar a recollida de lixo e mellorar o seu entorno e dese xeito conseguir a separación física entre os contedores e a zona de terrazas. 

 Por outra banda, e debido ao incremento de vehículos que están utilizando a estrada entre o Porto de A Guarda e a zona dos Outeiros, onde está ubicada a depuradora, o concello tomou a determinación  de completar o pavimentado en adoquín no ancho de toda a estrada. Esta obra ten un custo aproximado de 77.000 euros. 

AXUDAS AOS SECTORES AFECTADOS POLA PANDEMIA

 Ademais destes investimentos tamén se aprobou unha partida de 75.000 euros para axudas COVID dirixida os sectores afectados pola pandemia. Este acordo da cumprimento ao acordo plenario, adoptado hai unhas semanas, de adicar o 1% do orzamento municipal para este fin.

Ningún comentario:

Publicar un comentario