28 de abr. de 2021

A GUARDA

OS POPULARES DA GUARDA E  CONVERXENCIA GALEGA SOLICITAN UN PLENO EXTRAORDINARIO 

· PARA TRATAR A SITUACIÓN DA PISCINA MUNICIPAL DA GUARDA  


De esq. á der.: Mª Vanesa Gándara Alonso, Josué Álvarez Alonso, Roberto José Álvarez Carrero, Celso Rodríguez Fariñas, Mª Isabel Guisande Vila e José Antonio Baz Lomba, diante das instaacións da piscina municipal de A Guarda

Foto: Cedida

Infogauda / A Guarda

 Os Populares da Guarda, xunto a  Converxencia  Galega, forzas políticas que constitúen a oposición no Concello da Guarda, solicitaron a celebración urxente dun pleno extraordinario para tratar a situación actual do servizo na Piscina Municipal da Guarda cuxa xestión e adxudicación por contrato público está en mans da empresa Transgalaica, S.L. dado que a empresa comunicou a súa intención de abandonar o servizo de forma inminente polas perdas económicas derivadas do Covid-19Dese xeito, acábano de comunicar os respectivos portavoces do Grupo Municipal do Partido Popular e do Grupo Municipal de Converxencia Galega.

 Na comunicación feita pública polos devanditos grupos municipais indícase tamén: “Fontes da empresa e traballadores trasladaron ao goberno municipal que preside Antonio Lomba Baz e ao resto dos grupos políticos que forman parte da corporación municipal guardesa a situación de  insostenibilidade económica que sofre a empresa adxudicataria para continuar co servizo. Segundo Roberto José Álvarez Carrero, portavoz do Partido Popular, e Celso Rodríguez Fariñas, portavoz de Converxencia Galega: “Desde hai meses, a adxudicataria do servizo da piscina municipal da Guarda, empresa Transgalaica, S.L., vén advertindo de maneira constante ao grupo municipal de goberno que a continuidade do servizo e os postos dos traballadores están en perigo polas continuas e permanentes perdas económicas que a empresa adxudicataria debe soportar. Esta situación foi tamén trasladada aos diferentes grupos políticos que forman a corporación municipal.” 

 En palabras de Roberto José Álvarez  Carrero: “De momento, as medidas adoptadas polo Concello da Guarda resultan absolutamente insuficientes e ineficaces para paliar unha situación económica calamitosa. Os balances económicos achegados por  Transgalaica, S.L., desde o inicio da pandemia ao  Concello, ao Grupo de Goberno e aos diferentes grupos políticos resultan moi explícitos: perda constante e inasumible de ingresos. As conversacións mantidas polos responsables da empresa, así como cos responsables dos traballadores, non deben caer en saco roto tendo en conta que nos estamos xogando non só postos de traballo de persoas do noso municipio senón tamén, un servizo público e de interese xeral como é o servizo e as actividades desenvolvidas na piscina municipal.” 

 Segundo o comunicado suscrito polo PP e CG Os responsables da empresa adxudicataria comunicaron desde hai meses verbalmente e por escrito, tanto ao  Concello como a todos os membros da corporación municipal, que a situación é insostible. A pesar de estar vixente o contrato público de adxudicación do servizo da piscina municipal, a empresa vese abocada ao peche inmediato asumindo as consecuencias legais que o incumprimento puider conlevar. O peche da Piscina Municipal da Guarda, un servizo público para os guardeses e a súa comarca, é irremediable se non se poñen os medios municipais necesarios para iso.  

 Tanto o Partido Popular da Guarda como Converxencia Galega, forzas que presentaron a solicitude do pleno extraordinario, apuntan “a esperanza de que Antonio Lomba, o seu goberno e socios, teñan amplitude de miras e todos xuntos podamos buscar unha solución inmediata e urxente para que os guardeses e usuarios da piscina non se vexan privados dun servizo público tan necesario e recoñecido”.    

Ningún comentario:

Publicar un comentario