Mobilización contra o peche de Abanca en Moaña e contra as restricións de servizos á clientela
· A CIG convoca unha concentración este venres 30 de abril diante da oficina da rúa Concepción Arenal ás 12:00 horas
Infogauda / Moaña
"Abanca ten en marcha un plan escalonado de peches de oficinas e de restricións nos servizos na atención presencial ao público (a partir de xuño só atenderán de 8:00 a 11:00 horas)". Así véno de comunicar á sección da CIG en Abanca.
Segundo indica a CIG "peches e restricións forman parte dun plan imposto para dixitalizar á clientela, posto en marcha conxuntamente polos bancos atentando contra a competencia, sen que houbese actuación por parte da Xunta de Galiza ou do Ministerio de Economía.
No caso de Abanca, coma herdeira das Caixas de Aforros Galegas e coma primeira entidade financeira galega, debera ter en consideración a propia dispersión xeográfica e o avellentamento da poboación galega, antes de replicar as políticas bancarias deseñadas polos grandes grupos bancarios dende Madrid.
Unhas políticas impostas que buscan incrementar os beneficios a costa da destrución do emprego e da marxinación financeira".
Por iso a CIG convoca unha concentración para este venres 30 de abril diante da oficina de Abanca na rúa Concepción Arenal de Moaña ás 12:00 horas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario