23 de mar. de 2021

VIGO

Catro Ventos Editora presenta «Setenta ideas para a (pos)pandemia»

Este mércores, 24 de marzo, ás 20:00 horas, na libraría Cartabón

 


Isidro Dozo Valladares / Vigo 

 Catro Ventos Editora presenta «Setenta ideas para a (pos)pandemia» na libraría Cartabón. Será na compaña de Fernando Ramallo, Francisco Sampedro, Xosé Luís Méndez Ferrín e Patricia Buxán este mércores, 24 de marzo, ás 20:00 horas.  

 Sobre o evento 

 Estamos nun momento histórico ou a COVID-19 non cambiou nada? Que problemas sociais e individuais sacou á luz e agravou a pandemia? A sobreinformación desinforma? 

 En Catro Ventos Editora editamos Setenta ideas para a (pos)pandemia, un libro que reúne as reflexións de 7 grandes voces galegas durante e despois do confinamento de 2020 e que busca sentar as bases para un posible escenario (pos)COVID-19. 

 Desta volta, trocaremos ideas e reflexións na libraría Cartabón acompañados de dous dos autores da obra, Fernando Ramallo e Francisco Sampedro, que estarán acompañados de Xosé Luís Méndez Ferrín, e da socia de Catro Ventos Patricia Buxán.  

Sobre a obra 

 Setenta ideas para a (pos)pandemia conforma unha reflexión arredor do novo escenario mundial. A chegada imprevista da COVID-19 a unha sociedade que se pensaba intocable supuxo e supón un novo paradigma vital caracterizado por un contexto imprevisible e descoñecido. Conscientes da necesidade de aproveitar a nova realidade para cambiar a nosa maneira de relacionarnos e interactuar co mundo, este libro recompila as reflexións de Manuel Fernández Blanco, Pilar García Negro, María Xesús Nogueira, Manuel Outeiriño, Fernando Ramallo, Francisco Sampedro Ojeda e Iolanda Teixeiro Rei sobre cara a onde nos diriximos, que podemos esperar destes novos «tempos interesantes» e como podemos abordalos con suxestións e decisións concretas. 

 Unha escolma de ideas e pensamentos en voz alta que esperamos e sabemos que será punto de partida para motivar debates interesantes, suscitar polémicas e dar pé a propostas necesarias de mellora que acheguen refachos de cambio.

Ningún comentario:

Publicar un comentario