O GRUPO MUNICIPAL SOCIALISTA RECOMÉNDANLLE AO GOBERNO LOCAL “QUE DEIXE DE MANOSEAR A BIBLIOTECA”
Violeta de Santiago (concelleira portavoz do PSdeG-PSOE): “A día de hoxe non existe financiamento algún para levar adiante este proxecto e non queremos ver un solar arrasado, no centro da vila, sen data prevista para o inicio da obra”
Violeta de Santiago e Mirta Misa, concelleiras do Grupo Municipal do PSdeG-PSOE no Concello de Tomiño
Infogauda / Tomiño
O luns 8 de marzo, Día Internacional da Muller, o Concello de Tomiño celebrou sesión de plenaria ordinaria na que foi referendada a declaración institucional consensuada polos grupos da Corporación “logo de ter presentadas sendas mocións ao respecto en tempo e forma, o PSdeG-PSOE e o PP, respectivamente, e por contra ter renunciado o BNG a facer o propio”.
Entre os puntos da Orde do Día, figuraba o expediente de modificación de créditos para o derrubo do edificio “onde se construirá a demandada, esperada e futura biblioteca”. As concelleiras socialistas Violeta de Santiago e Mirta Misa votaron en contra xa que, se ben comparten a necesidade urxente deste equipamento para o concello, “esa dotación nin pode nin debe ser unha cortina de fume onde se pode esconder calquera escusa para saír nos medios cada certo tempo”, sinalaron. De feito, o voto en contra vén dado porque “a día de hoxe non existe financiamento algún para levar adiante este proxecto e non queremos ver un solar arrasado, no centro da vila, sen data prevista para o inicio da obra”, apuntou a portavoz socialista Violeta de Santiago.
O PSOE tomiñés cualifica de “curioso” o feito de que o Goberno local pretenda buscar fondos na Xunta de Galicia, no Goberno do Estado e tamén no fondo de recuperación europeo "Next Generation", “mesmo cando os nacionalistas en Madrid votaron en contra do decreto que regula a execución dese fondo para a recuperación económica e social e ter asegurado que España e Europa son a ruína de Galicia”. Para as e os socialistas de Tomiño isto é “unha boa mostra da demagoxia, incoherencia e irresponsabilidade do BNG”.
As concelleiras socialistas recoméndanlle ao Goberno local “que deixe de manosear a biblioteca” e esíxenlle “que logo de 14 anos prometéndoa en cada campaña electoral sexa un compromiso serio e decidido e non unha postura de cara a galería”.
Violeta de Santiago e Mirta Misa lembraron que hai un ano votaron a favor “de buscar financiamento en todas as administracións, votamos a favor hai dous meses tamén, e volveremos a apoiar ese paso cando sexa preciso, sempre e cando se deixe de xogar cun tema co que estamos especialmente sensibilizadas”.
As e os socialistas tomiñeses consideran que “cun remanente de tesourería de máis de tres millóns de euros, nun momento de fonda crise económica e social e cunha hostalería desangrada e sin ningunha axuda municipal, traer ao Pleno unha modificación de créditos de 75.000 € para un proxecto que ninguén sabe cando será unha realidade, parécenos unha burla ao conxunto da veciñanza” polo que piden “seriedade ao Goberno local” ante un tema “de crucial importancia para o presente e o futuro do noso Concello”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario