24 de mar. de 2021

PONTEVEDRA

O MUSEO DE PONTEVEDRA ENCARA A SEMANA SANTA MULTIPLICANDO AS VISITAS GUIADAS AOS FONDOS DO EDIFICIO CASTELAO, ÁS RUÍNAS DE SAN DOMINGOSE ÁS SÚAS EXPOSICIÓNS TEMPORAIS  

Os mércores 31 de marzo e 7 de abril realizaranse percorridos comentados da mostra ‘José Suárez 1902-1974’ a cargo do comisario e sobriño do fotógrafo, Xosé Luis Suárez Canal 

 

              Guía e visitantes nas ´Ruinas de San Domingos´, na cidade de Pontevedra - Foto: D.PO.
  

 Infogauda / Pontevedra

 O Museo de Pontevedra incrementará a actividade dirixida ao público durante a Semana Santa poñendo a disposición un amplo abano de visitas guiadas aos seus fondos, tanto aos permanentes como aos das mostras temporais. Así mesmo, as Ruínas de San Domingos permanecerán abertas con entrada libre e aforo reducido a 45 persoas.   

 Todas aquelas persoas que queiran coñecer máis polo miúdo a colección permanente do Edificio Castelao poderán facelo nun itinerario xeral que falará sobre as pezas máis singulares de cada unha das salas. Estas visitas realizaranse todos os días das vacacións de Semana Santa ás 11.00 horas, sendo preciso inscribirse previamente no correo educación.museo@depo.es por motivo das restricións sanitarias.  

 Por outra banda, este xoves comezarán as visitas guiadas ás Ruínas de San Domingos, que se repetirán todos os xoves ás 12.00 horas durante o período de apertura do monumento (ata o 31 de outubro) sen necesidade de inscrición. Para as persoas que gusten de visitar por libre a construcción os horarios serán de martes a sábados de 10 a 14horas e de 16a 19.30 horas, e os domingos e festivos de 11 a 14 horas (luns pechado). O aforo é de 45 persoas.  

VISITAS GUIADAS Á EXPOSICIÓN ´JOSÉ SUÁREZ 1902-1074´

 O Museo tamén ofrece visitas guiadas á exposición ‘José Suarez 1902-1974’ que fará un dos comisarios da mostra e sobriño do fotógrafo, Xosé Luis Suárez Canal. Serán os mércores 31 de marzo e 7 de abril ás 18:30 horas e haberá que inscribirse en educación.museo@depo.es.  

 Con respecto a esta mostra, cabe lembrar que continúan as actividades complementarias. Hoxe celebrouse -ás sete da tarde no espazo acristalado do Edificio Castelao- a conferencia que leva por título ‘Unha vida, unha obra’. Estivo dividida en dúas partes, unha da que se fará cargo Suárez Canal que versará sobre ‘José Suárez, unha vida’, e a segunda, de  Manolo Sendón, que afondará sobre as características da súa fotografía.  

 A vindeira semana taménterá lugar o obradoiro artístico mariñeiro titulado ‘Con J de Javiota, con J de José’, para o que xa están todas as prazas cubertas e hai lista de agarda. As e os destinatarios desta iniciativa son nenas e nenos de 6 a 12 anos que farán un pequeno percorrido pola mostra para coñecer a obra de José Suárez, e despois participarán da actividade central do obradoiro consistente en lixar e pintar a silueta dun barco de madeira.   

 Finalmente, e ata o 12 de maio, o Museo manterá aberta a exposición temporal sobre Emilia Pardo Bazán, sobre a que se realizarán visitas comentadas todos os mércores ás 18 horas, sendo precisa tamén a inscrición previa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario