A Deputación de Pontevedra lanza a II Edición do Concurso Reacción polo Clima con 4.000 euros en premios para os mellores audiovisuais sobre cambio climático
A institución provincial aumenta este ano a contía dos premios para recoñecer o talento e a implicación da xente máis nova na loita contra un dos maiores desafíos do noso tempo
Infogauda / Pontevedra
A Deputación de Pontevedra acaba de publicar a segunda convocatoria dos premios Reacción polo Clima que, dotados con 4.000 euros, premiarán ás mellores pezas audiovisuais elaboradas por mozas e mozos da provincia, de entre 16 e 30 anos, centradas no cambio climático. Unha vez publicadas as bases hoxe no BOPPO, rapazas e rapaces poderán presentar desde este martes os seus proxectos para o que teñen de prazo ata o 16 de maio. O obxectivo dos galardóns é involucrar á xente máis nova na loita contra un dos maiores desafíos do noso tempo.
Os premios Reacción polo Clima recalarán nas tres mellores manifestacións artísticas visuais centradas nas reivindicacións da mocidade con respecto á loita contra o cambio climático. Deste xeito haberá un primeiro premio dotado con 2.400 €, un segundo de 1.000 € ou un terceiro de 600 €. Este ano a Deputación incrementou en 2.000 € as contías globais dos premios co obxectivo de recoñecer o talento, ademais de apoderar á xente máis nova para que sexa partícipes na posta en marcha de políticas públicas no marco da Axenda 2030, onde xogan un papel transcendental.
Os traballos serán en formato audiovisual cunha duración máxima de 2 minutos e medio. Admitirase calquera tipoloxía empregada pola xuventude nas redes sociais ou medios de difusión de natureza similar. As mozas e mozos así como as organizacións dirixidas pola mocidade interesadas en participar teñen dous meses de prazo para presentar as súas solicitudes e poder, así, optar a algún dos tres premios.
O pasado ano gañaron o primeiro concurso Reacción polo Clima, Iago Rodríguez Torres e Manuel Albariñas, ambos de Marín, pola peza Inconsciente. O segundo premio recalou en Carmen Villanueva, de Silleda, por Non pases de largo e o terceiro foi para Isabel González, de Vigo, por Pequenos xestos, grandes cambios.
Ningún comentario:
Publicar un comentario