25 de mar. de 2021

O ROSAL

O Concello do Rosal dedica todo o mes de abril ao libro  

· A programación comezará o venres 2 co espectáculo audiovisual ‘Con area cousas debuxo’ de Marcos Escudero, para o que é necesario inscrición previa.  

· Actividades para toda a familia, vídeos con contacontos, recomendacións literarias, sorteo e premios ao bo lector da Biblioteca municipal serán outras das accións previstas para este mes  

 


Infogauda / O Rosal

 Abril será o mes do libro no Rosal. O equipo de goberno do Concello preparou para este mes unha programación especial coa que invitar a toda a veciñanza a desfrutar da literatura e a conmemorar o vindeiro 23 de abril o Día do Libro dun xeito diferente, con actividades presenciais e virtuais para todos os públicos.  

 O ciclo de actividades arrancará o venres 2 de abril (19.00 h) da man de Marcos Escudero, que ofrecerá a primeira das tres actuacións presenciais que se celebrarán no auditorio municipal con inscrición previa e cumprindo con todas as medidas e protocolos de seguridade. Será con ‘Con area cousas debuxo’, un espectáculo visual para público infantil e familiar no que se fusionarán técnicas como as sombras chinesas, o cómic, a animación... para contar tres historias a través das imaxes que Marcos Escudero irá debuxando con area sobre o cristal dunha caixa de luz. As persoas interesadas xa poden inscribirse na web do Concello. Entrada de balde e aforo limitado a 60 persoas.  

 O sábado 17 de abril (19.00 h) chegará ao auditorio a narradora Marta Ortiz co seu contacontos ‘Galicia Máxica’, un espectáculo cheo de tradicións galegas, romances, cancións e xogos tradicionais cos que achegar a nenos e nenas o patrimonio cultural galego dun xeito divertido. 

 Xa o domingo 25 de abril (19.00 h) será a quenda do Mago Teto e o seu espectáculo de maxia ‘As nosas letras’, unha homenaxe á cultura, á tradición e ás costumes galegas a partir dunha escolma de destacadas pezas da literatura galega. Ambas as dúas actuacións serán de balde con inscrición previa.  

E moito máis 

 A programación para este mes completarase cunha proposta interactiva na que se invita a toda a veciñanza a participar enviando un vídeo recomendando un autor e un libro e mesmo lendo un parágrafo da obra. Membros do Club de Lectura do CPI Manuel Suárez Marquier tamén farán as súas recomendacións de forma visual e diferentes rosaleiros e rosaleiras participarán na lectura de ’27 historias para tomar sopa’ poñéndose ante a cámara para ler as historias para nenos e nenas que recolle o libro. Entre todas as persoas que participen nestas iniciativas sortearase un lote de libros.  

 Todas estas iniciativas difundiranse a través da web e das redes sociais do Concello xunto a un vídeo do alumnado do CPI lendo un conto, outro da libraría do Rosal dando a coñecer o máis demandado nestes intres en literatura para diferentes idades e un vídeo promocional da Biblioteca municipal. Será precisamente a biblioteca e os seus usuarios e usuarias os protagonistas doutra actividade: o premio ao bo lector na categoría de Infantil, Xuvenil e Adulto, que se entregará o vindeiro 23 de abril.  

 “Dende o Concello queremos agradecer a colaboración desinteresada de todas as persoas que participan neste proxecto, iniciativas culturais tan necesarias nestes intres, indican desde o executivo local.

Ningún comentario:

Publicar un comentario