16 de mar. de 2021

O ROSAL

En marcha as obras do ecoparque Campo Novo, en Viso dos Eidos    

O espazo estará listo para o uso da veciñanza a comezos do verán  

  

A alcaldesa Ánxela Fernández Callís visitou este martes as obras xunto á arquitecta e paisaxista María Fandiño - Foto: C.O.R.

 

Infogauda / O Rosal

 O equipo de goberno do Concello do Rosal continúa a dar pasos para a creación do ecoparque Campo Novo, en Viso dos Eidos, que suporá a transformación da zona nun espazo de convivencia para a veciñanza e que servirá para poñer en valor o patrimonio etnográfico da contorna. A alcaldesa Ánxela Fernández Callís visitou este martes as obras xunto á arquitecta e paisaxista María Fandiño, autora do proxecto de remodelación.  

 “Para nós é un orgullo poder contar de novo con unha profesional como María Fandiño en proxectos clave para a transformación do Rosal”, asegurou a rexedora, que destacou que dende o Concello estase a apostar de xeito decidido por dar prioridade á veciñanza e impulsar proxectos de proximidade como este”. 

 O proxecto contempla a remodelación de toda esta zona en Viso dos Eidos empregando técnicas naturais e tradicionais e incorporando especies autóctonas relacionadas coa auga, un elemento de grande importancia nesta zona do Rosal. Este novo espazo estará xa listo para uso e desfrute de toda a veciñanza a comezos do verán. 

 A creación deste ecoparque contou cun orzamento de máis de 93.000 euros cofinanciados a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra e de fondos propios do Concello. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario