O parque deportivo do Codesal consolidase como espazo de ocio
• O Concello de A Guarda ampliou a zona deportiva con novas pistas para a práctica da petanca, dúas canchas para volei, un campo de fútbol-praia, un campo de balonmán-praia, e a mellora da iluminación e dos vestiarios e aseos
O alcalde do Concello de A Guarda, a concelleira de Deportes e o concelleiro de Vías e Obras, nas instalacións do Codesal - Foto: C.A.G.
Infogauda / Camposancos (A Guarda)
“O Concello de A Guarda avanza na mellora do parque deportivo do Codesal, en Camposancos, onde téñense realizado diferentes traballos para adecuar o terreo para a práctica de diferentes modalidades deportivas coma o volei, o fútbol, o balonmán ou a petanca”.Iso é, en síntese, o que vén de facer público o equipo de goberno do Concello de A Guarda.
O alcalde de A Guarda, Antonio Lomba Baz; a concelleira de Deportes, Mª Montserrat Magallanes Álvarez e o concelleiro de Vías e Obras, Miguel Ángel Español Otero, achegáronse ata o Codesal para comprobar “in situ” os diferentes traballos que se teñen acometido nestas instalacións que ven incrementadas as súas funcionalidades cunha significativa mellora nos espazos para a práctica deportiva.
Deste xeito téñense incrementado as pistas existentes para a práctica da petanca, instalacións que emprega o Clube de Petanca O Caldeiro, a entidade deportiva con maior número de deportistas federados nesta modalidade en Galicia, con máis de 40 membros é o primeiro clube para a práctica deste deporte na comarca do Baixo Miño.
Tamén se habilitaron dúas canchas para a práctica do volei, nunhas instalacións que son empregadas polo Clube de Volei Miño, entidade deportiva que organiza diferentes torneos na tempada estival.
O Concello non só acometeu neste espazo a mellora destas pistas ou canchas senón que tamén se creou unha zona de vestiarios e aseos, dotando ao espazo do parque deportivo de iluminación interior e exterior e dunha fonte de auga potable. Asemade, o parque conta tamén con bancos e mesas para que as familias podan desfrutar dunha xornada de ocio ao aire libre.
A todas estas actuacións de mellora hai que sumarlle que queda aínda por realizar un parque infantil e a instalación duns elementos de calistenía que se están xestionando e serán acometidos con recursos propios.
O equipo de goberno do concello de A Guarda considera que este é un dos espazos con maiores posibilidades de consolidarse como punto de encontro interxeracional, xa que as instalacións permiten a práctica deportiva de diferentes colectivos que abarcan idades moi diferentes. O parque deportivo do Codesal ofrece á cidadanía desfrutar de diferentes actividades nun entorno paisaxístico natural (deporte, paseo, lectura, fotografía…) actividades todas elas seguras e moi necesarias neste momento de pandemia, seguindo así a liña estratéxica marcada polo executivo municipal de mellora das instalacións deportivas e dos lugares que posibiliten aos veciños e veciñas da localidade espazos seguros (parques, sendas, zonas deportivas,...) tal e como establecen as autoridades sanitarias.
A mellora deste espazo foi realizada conxuntamente con fondos propios do Concello de A Guarda e tamén cunha importante subvención con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.
Ningún comentario:
Publicar un comentario