Marta Verde Rodríguez, nomeada presidenta da Comisión de Clase Aberta da Federación Española de Sociedades Filatélicas
O acordo foi adoitado por unanimidade da xunta directiva de FESOFI
Marta Verde Rodríguez - Foto: S.F.N.G.
Infogauda / A Guarda
A Filatelia de Galicia, en xeral, e a guardesa, en especial, están de parabén, toda vez que a xunta directiva da Federación Española de Sociedades Filatélicas (FESOFI), na súa reunión celebrada o día 6 deste mes de marzo de 2021, acordou por unanimidade nomear á Marta Verde Rodríguez, presidenta da Clase Aberta de FESOFI. Dese xeito Marta Verde Rodríguez, de Camposancos (A Guarda), compoñente da Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa (S.F.N.G.), é a segunda muller membro da xunta directiva de FESOFI desde a súa fundación en 1963. Asemade, desde o pasado sábado, Marta é - xunto con José Ángel Gándara Rodríguez, que pertence á Comisión de Temática -, a segunda asociada da S.F.N.G., membro de FESOFI.
UN AMPLO HISTORIAL E BRILLANTE PALMARÉS NA FILATELIA ASOCIATIVA
Marta Verde Rodríguez posúe un amplo historial na filatelia asociativa. Desde 1998 é membro da xunta directiva da Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa, sendo a responsable da Sección Xuvenil, e desde 2010 ata a actualidade, tesoureira.
Desde o ano 2009 forma parte da xunta directiva da Federación Galega de Sociedades Filatélicas (FEGASOFI), como vogal de Vitrinas e Adxunto de Mocidade.
Como coleccionista e expositora tamén posúe un amplo palmarés tanto na Clase Temática como na Clase Aberta. O seu primeiro contacto coa filatelia competitiva foi en 2007, na Exposición Filatélica de Galicia (EXFIGALICIA), participando cun cadro coa colección temática “A unión do home co reino vexetal”, logrando 63 puntos e medalla de Prata.
En 2013, na Exposición Filatélica Nacional (EXFILNA), participou na Clase Temática coa súa colección “Beleza e cosmética natural”, obtendo 77 puntos e medalla de Vermeil.
En 2014, na Exposición Filatélica Nacional (EXFILNA) participou no apartado de Literatura co libro “Algo máis que selos”, obtendo 72 puntos e medalla de Prata Grande.
E no 2020, participou na Exposición Filatélica Nacional (EXFILNA) expondo súa colección de Clase Aberta, “Ao son da gaita”, coa que obtivo 80 puntos e medalla de Vermeil Grande.
Ademáis de polas súas cualidades humanas, a traxectoria de Marta Verde Rodríguez, como coleccionista e expositora filatélica, merece as máis sinceiras felicitacións e moitos éxitos na súa andaina persoal.
Ningún comentario:
Publicar un comentario