O servizo de Policía Local de Tomiño volve á normalidade
O Concello contratou un novo auxiliar e reincorporouse un dos axentes que estaban de baixa
Axentes e vehículos da Policía Local de Tomiño
Infogauda / Tomiño
O Concello de Tomiño informa que o servizo de Policía Local do municipio xa está de novo funcionando con normalidade logo de poder restituír as quendas que por escaseza de persoal non puideron ser cubertas durante un total de 15 días do mes de xaneiro. O motivo principal deste situación debeuse á improbable coincidencia temporal da baixa médica de dous dos axentes, ao desfrute de días de permiso por parte de outros dous e á finalización do contrato dos axentes auxiliares o pasado 31 de decembro, o que imposibilitou a prestación do servizo nas condicións habituais.
Na actualidade o servizo xa se atopa funcionando con normalidade logo da contratación dun axente auxiliar por un período de 6 meses con fin de restablecer o servizo, que xa se atopa traballando nestes momentos, e da recuperación dun dos axentes que se atopaban en situación de baixa. Desde o Concello de Tomiño alégranse da súa reincorporación e aproveitan para darlle a benvida de volta.
Do mesmo xeito, o Concello de Tomiño informa de que se convocou a praza vacante existente, a espera de que a Academia de Policía Local saque adiante a convocatoria e Tomiño poida contar cun novo axente a partir do verán, reforzando así o servizo de cara ao futuro con esa nova incorporación.
O Concello de Tomiño quere agradecer o labor desenvolvido polo corpo de Policía Local do municipio, especialmente nunha situación complexa e delicada como a acontecida durante as últimas semanas, unha anomalía no servizo debido a causas imprevisibles e que representaron unha excepción única en 14 anos de goberno local.
Ningún comentario:
Publicar un comentario