25 de feb. de 2021

PONTEVEDRA

A Xunta amosa en Pontevedra as propostas máis contemporáneas da artesanía galega  

A Fundación Artesanía de Galicia colabora coa Fundación RAC na exposición colectiva ‘Os roteiros da forma’, que se poderá visitar ata o 26 de marzo

 

Na mostra participan 14 obradoiros da marca Artesanía de Galicia que reflicten as converxencias entre a artesanía e as artes visuais contemporáneas

 

Infogauda / Pontevedra

  A Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación – a través da Fundación Artesanía de Galicia – organiza xunto coa Fundación RAC na exposición Os roteiros da forma, unha mostra colectiva na que participan 14 obradoiros inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia e que se pode visitar en Pontevedra desde mañá venres, 26 de febreiro, ata o 26 de marzo. A mostra forma parte dun proxecto de divulgación conxunto no que se busca amosar as propostas máis contemporáneas da artesanía galega, no marco do cal xa se realizou a finais do pasado ano a exposición Feito de estrelas, unha retrospectiva da obra do ebanista artesán Frank Buschmann.

 Tras a mostra individual dedicada a Buschmann, a Fundación Artesanía de Galicia e a Fundación RAC inauguran agora a mostra colectiva Os roteiros da forma, co obxectivo de reflectir as converxencias entre a artesanía e as artes visuais contemporáneas. A exposición recolle a pluralidade de formatos, linguaxes e asociacións recollidos na marca Artesanía de Galicia, compondo unha panorámica rica en matices onde o peso da tradición hibrídase á complicidade do presente. Reúnense aquí voces propias e diversas, que transcenden as marxes das súas disciplinas ao deterse a explorar a idoneidade de imaxinar outras formas de relación co mundo. A mostra propón un percorrido versátil onde se fusionan técnicas e procesos mixtos, onde a materia prima indica a súa relevancia e expresa a modo de imaxe un coñecemento multidireccional.

 Poderase visitar na sede da Fundación RAC Rosón Arte Contemporáneo (Padre Sarmiento, 41) en Pontevedra, en horario de mércores a venres de 16:30 a 20:00 horas, con posibilidade de realizar unha visita guiada da man da comisaria da mostra, Sara Donoso, previa inscrición no enderezo electrónico info@fundacionrac.org.

 Apuntando en direccións a miúdo opostas, a tradición cerámica aglutina os intereses dos obradoiros COPIA_cerámica (Santiago de Compostela), Ana Tenorio (Vigo), Verónica Moar (A Coruña), Marta Armada (Vigo) e Paula Ojea (Vigo), que buscan as súas propias estratexias explorando e ampliando as posibilidades do medio. Farano ás veces desde un matiz poético e esquemático, outras desde a revisión da forma ou a integración da xeometría, introducindo constantemente novos procesos de diálogo co material.

 Coas propostas de Inés Rir (Allariz) e Idoia Cuesta (Outeiro de Rei) o espectador asómase aos máis antigos saberes vinculados con procesos de produción téxtil e de cestaría tradicionais que toman a través das súas mans un novo aspecto. Así, mentres a primeira revisa o potencial da la, da seda ou do algodón para insinuar a paisaxe, Idoia Cuesta emprega a tira de castiñeiro para compor unha maraña que revisita o concepto do caos.

 Tamén Elena Ferro (Vila de Cruces), herdeira dunha longa tradición zoqueira, preserva desde o prisma contemporáneo algúns dos trazos da cultura galega, executados nesta ocasión a modo de poemas visuais.

 Na busca desa continúa harmonía que simula condensar o equilibrio da natureza, a prata de Noroeste Obradoiro (Santiago de Compostela) parece esculpir paisaxes sinuosas desde as que se constitúen tanto xoias como obxectos de enxoval. Algo similar sucede coas propostas de Santiago Besteiro (Monterroso), onde o coiro acariña a pedra confrontando as súas texturas, as súas calidades, nun encontro perfilado a base de liñas mínimas e austeras, como tamén o son os vasos presentados por Adrián Pena (Vigo), buscando aproximarse aos límites do torneado para alcanzar así unha maior sutileza formal.

 Noutras ocasións reivindícase a memoria e a súa preservación, como nos restos de louza de cartuxa que reutilizan no taller de Ferraxe de Prata (Teo) facendo do azar e o accidente un novo compoñente para a creación. No terreo da ilustración, Iria Prol (Santiago de Compostela) chama a atención sobre o rol da muller na España franquista a partir da estética pop e da ironía; un universo feminino ao que tamén alude Iris Branco (San Cristovo de Cea) depurando a cor e a liña nun vibrante xogo de volumes e intensidades.

 A historia, a memoria, a física e as matemáticas, a natureza e a poesía intercálanse na exposición coma un corpus de intereses comunicantes que, orixinados no diálogo entre concepción e investigación, fan divisar con familiaridade a estreita conxunción entre o facer e o saber. A través desta pequena selección pódese advertir a heteroxeneidade que hoxe en día supoñen as creacións agrupadas baixo Artesanía de Galicia, conformando un panorama común que cristaliza en enfoques variados e que foi quen de transferir os coñecementos ancestrais á imaxinería contemporánea.

Ningún comentario:

Publicar un comentario