24 de feb. de 2021

PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA CREA A ‘FACULTADE ÁGORA’ PARA CONSOLIDAR Á PROVINCIA COMO REFERENCIA INTERNACIONAL DO ESPAZO PÚBLICO  

· Trátase dunha iniciativa de formación dirixida a persoal político e técnico que contará no profesorado cos “Premios Nobel nesta área”   

· O BOPPO publica hoxe as bases que repartirán 2,4 millóns de euros para proxectos e obras de recuperación de espazo para as persoas 

 

A ‘Facultade Ágora’ foi presentada pola presidenta Carmela Silva, o vicepresidente César Mosquera, o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, e os responsables de contidos do proxecto, Ana Montalbán e Fernando Nebot - Foto: Rafa Estévez

Infogauda / Pontevedra

 Internacional, potentísima, espectacular, ambiciosa… Eses foron os calificativos cos que hoxe se definiu a ‘Facultade Ágora’, unha iniciativa creada polo Departamento de Mobilidade da Deputación para formar a representantes políticos e persoal técnico dos concellos da provincia sobre a recuperación do espazo público para as persoas.  

 A ‘Facultade Ágora’ foi presentada a representantes dos concellos da provincia, consultoras e profesionais libres relacionados coa arquitectura e a enxeñería nunha reunión telemática na que participaron máis dun cento de persoas pola presidenta Carmela Silva, o vicepresidente César Mosquera, o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, e os responsables de contidos do proxecto, Ana Montalbán e Fernando Nebot.  

 O deputado Uxío Benítez destacou que a ‘Facultade’ pretende dotar de coñecemento e información ás persoas que toman decisións nos concellos para influír e animar a realizar  actuacións nas rúas, prazas e lugares de vilas e cidades que poñan ás persoas no centro de todos os proxectos de reforma urbana. Subliñou que se abordará o espazo público dende diferentes enfoques e disciplinas, habendo entre os relatores e relatoras xente da enxeñería, a arquitectura, a socioloxía, a pedagoxía, a mediciña, a fotografía, o deporte, a xeografía, a bioloxía, paisaxe e medio ambiente, entre outros ámbitos.  

 “O profesorado ten nivel internacional e é de moita relevancia. Imos facer unha iniciativa que non a hai en ningunha parte do mundo. Creo que imos consolidar a Pontevedra e Pontevedra provincia como un referencia internacional do espazo público e da formación en espazo público, dende unha visión complexa por como é onoso territorio, disperso e rururbano”, subliñou.  

 A secretaria técnica da Facultade, Ana Montalbán, destacou pola súa banda que “o coñecemento é a base da acción” e subliñou que o obxectivo é que a ‘Facultade’ teña unha gran capacidade transformadora na realidade da provincia. Subliñou que o curso de 2021 comezará o 9 de abril e prolongarase ata o mes de novembro, repartido en 4 módulos e 12 seminarios; a matrícula comezará o 8 de marzo e pecharase o 8 de abril; estará dirixido fundamentalmente a persoas da política, o ámbito técnico, policía, pedagoxía, paisaxe ou medio ambiente, entre outros ámbitos, coa prioridade para o persoal dos Concellos Ágora, para o que será gratuíto.   

 A estrututura de cada sesión (bisemanal os venres) será dunha primeira parte de conferencias maxistrais, unha segunda de exemplos de boas prácticas para contrastar a teoría coa visión local, e unha terceira parte de debate entre profesorado e alumnado.   

 Algunhas das persoas xa confirmadas para o profesorado son Zaida Muxi, coñecida polas úa experiencia en cuestións de espazo e xénero; Francesco Tonucci, pedagogo fundador da Cidade dos Nenos’;  María Ángeles Durán, catredrática e investigadora do CSIC; o arquitecto José Fariña autor dun blog sobre pedagoxía, urbanismo e territorio; Rubén Lois, doutor en Xeografía da USC; Izaskun Chinchilla, autora de ‘La ciudad de los cuidados’; José María Ezquiaga, Premio Nacional de Arquitectura; Marta Román, experta en proxectos de mobilidade infantil e consultora en Gea21; Salvador Rueda, director da Axencia de Ecoloxía Urbana de Barcelona; e Alfonso Sanz, autor de ‘Calmar el tráfico’, entre outros, nun elenco que se pechará nas dúas próximas semanas.  

 O vicepresidente Mosquera quixo incidir na importancia das persoas relatoras que participarán na ‘Facultade’, ás que definiu como persoas de traxectoria espectacular nas que o goberno de Pontevedra se inspirou para levar adiante o seu modelo. “Non hai premios Nobel nesta área, pero como mínimo todas as persoas relatoras estarían nominadas”, subliñou.  Engadiu, así mesmo, que o fundamental da ‘Facultade’ é que tanto políticos e políticas como persoal técnico teña claro o principio de que as persoas deben ser o centro das actuacións. “Hai que ter as ideas claras e logo xa encaixan as solucións técnicas”, abondou.  

 Na súa intervención Carmela Silva quixo agradecer ás persoas coordinadoras da Facultade Ágora “o seu coñecemento, o seu compromiso e a súa capacidade para atraer cara un novo modelo de espazo público áscidades e vilas”. En palabras da presidenta provincial “temos que namorar a toda a provincia para conseguir este cambio, porque cando amas algo estás disposta ou disposto a transformalo”. Silva amosou a súa felicidade porque este sexa un proxecto paritario posto que “as mulleres temos moito que aportar no espazo público e falando de mobilidade amable, sustentable e alternativa temos moito que dicir”. Para a presidenta provincial “herdamos o modelo de expulsión do espazo público e nós, as mulleres, que somos as que coidamos ás nenas e nenos, persoas maiores e dependentes temos unha plena consciencia de que no espazo público no que vivimos todos os dereitos son dos vehículos, coa problemática que isto supón”.  

 O profesor e asesor de contidos Fernando Nebot subliñou que a Rede Ágora de concellos pola recuperación do espazo público parte dunha idea na que se insistirá na  ‘Facultade’: que a intervención nas cidades e vilas debe ser integral e que a finalización da obra non é o final da actuación. Asegurou que son fundamentais tanto a concepción do territorio, a vontade política de levar adiante modelos amigables do espazo público, o deseño dos proxectos e a súa realización, pero sempre co paso final do uso por parte da cidadanía: “cando a xente fai súa unha actuación, unha obra, e a interioriza na súa vida é cando se acada o obxectivo… Ese tamén é o obxectivo de Ágora, que o espazo público sexa para a cidadanía”, remarcou.  

Subvencións de 2,4 millóns de euros 

 Ademais da presentación oficial da ‘Facultade Ágora’, na xornada de hoxe tamén se efectivizou outra das iniciativas do proxecto ‘Ágora’ da Deputación: a publicación das bases de subvencións para os concellos da provincia que teñen unha contía de 2.435.000 euros destinados a financiar proxectos e obras coas que gañar espazos peonís restándollos aos espazos que ocupan os coches.  

 As liñas de axudas estarán divididas en dous eixos: o primeiro estará destinado á redacción de proxectos, polo que os concellos poderán recibir ata o 90% do custe cun máximo de 50.000 euros; e o segundo eixo, destinado a obras, con ata o 20% do custe das actuacións e un máximo de 100.000 euros. “Hai expectativas de fondos europeos e é preciso que os concellos teñan proxectos que executar para mellorar as súas vilas, por iso priorizamos os proxectos”, explicou Benítez.  

 As ‘Axudas Ágora’concederanse a actuacións completas, obrigando a un incremento mínimo do espazo peonil no ámbito de actuación dun 50 % con respecto ao existente, debendo ter s espazos gañados para as persoas unha superficie mínima de 300 metros cadrados.  

 Para valorar a contía das subvencións terase en conta a dispoñibilidade dun Plan de Mobilidade Sostible no concello, os metros cadrados de espazo peonil gañados, a porcentaxe de incremento do espazo peonil, a poboación, a xustificación do proxecto en baseós Principios Ágora, e a calidade técnica, entre outros. O prazo de presentación de solicitudes finalizará o 12 de abril. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario