19 de feb. de 2021

A GUARDA

Obradoiro de sexualidade dirixido ao alumnado de FP do IES A Sangriña

Será impartido o vindeiro luns, por Sabela Maceira e Lucía Álvarez

 


Infogauda / A Guarda

 Coa intención de darlle continuidade a formación sobre sexualidade dirixida á poboación máis nova, o Centro de Información á Muller (CIM) do Concello de A Guarda, organiza por terceiro ano consecutivo unha actividade de educación sexual denominada "De bo rollo". 

 Esta edición, que será impartida por Sabela Maceira (educadora social e sexóloga) e Lucía Álvarez (psicóloga e sexóloga), vai dirixida ao alumnado de FP I e FP II do IES A Sangriña, e terá lugar o vindeiro luns día 22 de febreiro.

 Realizarase unha exposición dos contidos clara e amena, acompañada de material audiovisual coa intención de estimular a reflexión grupal, o debate, a formulación de preguntas e a busca de respostas conxunta.

 Dentro das accións desenvolvidas desde o CIM de A Guarda, considérase prioritario traballar co alumnado nun aspecto xeral sobre sexualidade, diversidade e xestión saudable das relacións, tendo como eixes transversais o autocoñecemento, a xestión das emocións, o bo trato e a autoestima, traballando a comunicación asertiva a posta de límites e a negociación para garantir as relacións desexadas libres de coacción e violencias.

 Estes obradoiros están subvencionados pola Deputación de Pontevedra e o Concello de A Guarda

Ningún comentario:

Publicar un comentario