A CIG-Saúde de Vigo denuncia a falta de comunicación e información da Xerencia da área sanitaria sobre os últimos acontecementos relacionados coa pandemia
CIG-Saúde / Vigo
A xestión dos efectos da pandemia da Covid-19 está a esixir un esforzo importante das traballadoras e traballadores da sanidade pública. A necesidade de ter información completa e veraz da situación na que se atopa a nosa área sanitaria é vital para que as propostas de actuacións a realizar e os protocolos que se establezan partan dun diagnóstico correcto da realidade.
Desde a CIG-Saúde percibimos un deterioro importante da información que recibimos da Xerencia sobre aspectos importantes que están a suceder estes días:
Sobre a campaña de vacinación ás profesionais, que se está a desenvolver estes días, tivemos información precisa do marco xeral e das liñas básicas do seu deseño, pero fomos a última Xunta de Persoal en ser informada dos aspectos concretos de deseño e desenvolvemento, e a Xerencia convocou a reunión despois das protestas das organizacións sindicais por ter a información a través das citas para vacinarse das traballadoras e dos medios de comunicación. A área sanitaria de Vigo é a máis grande de Galiza, a que máis vacinas administra e a última en ser informada pola Xerencia en calidade de representantes dos profesionais da sanidade. Esta falta de información repercute negativamente na porcentaxe de persoal que se vacine, a parte sindical é incapaz de trasladar información veraz e de desmentir ou verificar informacións que nos chegan por parte das traballadoras ao non ter sido informada no inicio da campaña, como así o foron o resto de Xuntas de Persoal doutras áreas.
Sobre a aparición de numerosos casos positivos en pacientes e traballadores/as no Hospital do Meixoeiro, o domingo día 17 de xaneiro, se nos comunicaba a existencia de 12 casos Covid-19 positivos na unidade de xeriatría, que se detectaron tras a confirmación dun caso positivo que acudiu ao servizo de urxencias trala alta da unidade. A última hora do día 19 de xaneiro se nos informa do aumento do gromo á ala contigua, tendo as traballadoras coñecemento desta situación na madrugada do 17 ao 18 de xaneiro, polo tanto fomos informados máis de 24 horas despois de producirse o problema.
Durante todo o día 19 foi imposible ter comunicación coa Xerencia para ter información do que estaba a suceder e de que medidas se ían tomar para garantir que o Hospital do Meixoeiro volva a ser un hospital libre de coronavirus. O Hospital do Meixoeiro estaba chamado a ser o recurso básico para manter unha mínima continuidade asistencial, tanto de consultas externas e seguimento de pacientes ingresados de diferentes patoloxías como da actividade cirúrxica que se pode realizar nese centro.
Pero esta dinámica de desinformación non é nova. A actual Xerencia da área sanitaria de Vigo ben de cambiar as relacións que tiña cos representantes das traballadoras no que a transmisión de información se refire, nestes momentos é máis doado ser informados pola prensa ou polos propios traballadores/as que pola dirección desta área.
Facemos pública esta situación tras tela comunicado en varias ocasións ante o actual xerente sen que se lle poña solución, e ao considerar que na actual situación é máis preciso que nunca que os traballadores e os seus representantes sexan informados de calquera medida que lles afecte en tempo e forma.
A gravidade da situación provocada pola actual pandemia fai imprescindible que a Xerencia faga partícipes os profesionais das súas decisións a través dos seus representantes, o contrario vai provocar unha gran incerteza sobre as medidas que se adoptan e xerar crispación entre as traballadoras, e todo isto pode afectar á xestión da crise sanitaria actual.
(R.)
Ningún comentario:
Publicar un comentario