A Consellería de Educación realiza melloras no CEIP de Randufe e no IES San Paio de Tui para incrementar a súa confortabilidade por 91.000,00€
O departamento autonómico realizou o cambio de cuberta no colexio público para corrixir filtracións de augas e mudou case 800 m2 de teito cunha instalación de chapa de aceiro prelacado
No instituto tudense procedeuse á substitución das antigas tubaxes de ferro galvanizado para modernizar as canalizacións da fontanaría cun investimento de 42.495,00€
Infogauda / Tui
A Consellería de Cultura, Educación e Universidade vén de realizar diversas melloras no CEIP de Randufe e no IES San Paio, ambos na localidade de Tui, para incrementar a súa confortabilidade coincidindo co comezo do segundo trimestre do presente curso grazas a un investimento de case 91.000€.
O departamento autonómico acometeu no colexio público un cambio da súa cuberta para corrixir certas filtracións de augas e humidades coa súa substitución por unha moderna instalación en chapa de aceiro prelacado cos seus remates e anclaxes. Esta actuación, orzamentada en 48.396,00€, supuxo a renovación de case 800 m2 do teito.
Por outra banda, no instituto tudense procedeuse á renovación das antigas tubaxes de ferro galvanizado do sistema de fontanaría, que estaban afectadas polo paso do tempo e a acción do cloro xenerando a conseguinte oxidación do seu interior. Así, a Consellería de Educación reformou de xeito integral a rede de fontanaría cun investimento de 42.495,00€.
Ambas melloras enmárcanse nas accións de acondicionamento e modernización que está a desenvolver ao longo de todo o curso académico o departamento autonómico nos centros educativos de toda Galicia para mellorar a confortabilidade e funcionalidade dos mesmos e que este ano están a ser especialmente intensas por mor das esixencias sanitarias fronte á covid-19.
As
dúas obras acometidas nestes dous centros de Tui foron supervisadas,
antes do arranque do trimestre, polo xefe territorial de Educación,
César Augusto Pérez Ares, e polos responsables da unidade técnica da conselleria
xunto cos representantes directivos do CEIP de Randufe e do IES San
Paio.
Ningún comentario:
Publicar un comentario