O Concello de Tomiño fará obras de acondicionamento na estrada de entrada a Estás
O proxecto priorizará o uso peonil do espazo, mellorando a seguridade vial, e porá en valor o patrimonio arquitectónico da área
Escola Fundación Peirópolis, en Estás (Tomiño)
Infogauda / Tomiño
O Concello de Tomiño levará a cabo un proxecto de acondicionamento e mellora da seguranza viaria na estrada de entrada a Estás. O ámbito de actuación, segundo vén de comunicar o equipo de goberno local que preside a alcaldesa Sandra González Álvarez, será a vía principal da parroquia, desde o enlace coa estrada autonómica PO-552 ata o cruceiro da peregrina, fronte ao Centro Social. Esta intervención complementarase tamén cun asfaltado da vía entre o Centro Social de Estás e o barrio dos Bravos.
Neste camiño atópanse equipamentos de gran relevancia na parroquia, como a Escola Fundación Peirópolis —un edificio indiano de gran interese arquitectónico—, a capela de San Sebastián, o Centro Social de Estás e a igrexa de Santiago de Estás, ademais de elementos de interese patrimonial como dous cruceiros, un deles o da Virxe da Peregrina, patroa da parroquia.
A intención da intervención é a de priorizar o uso peonil do espazo público, aumentando a seguridade viaria para as persoas na convivencia cos vehículos reducindo a velocidade máxima de circulación no tramo a 30km/h. Realizarase unha adecuación das redes pluviais, mellorarase o deseño da iluminación, priorizando as áreas peatonais, e proxectaranse espazos públicos de calidade como zonas de estancia, coa instalación de mobiliario urbano e árbores que contribúan tamén á mellora paisaxística da área.
Con isto preténdese tamén poñer en valor os elementos arquitectónicos e patrimoniais presentes ao longo do camiño, especialmente no caso da Escola Fundación Peirópolis, onde se procurará crear un espazo público de encontro coa instalación dunha plataforma única que contribúa a valorizar a arquitectura indiana do edificio, priorice o espazo público para as persoas e mellore a seguridade dos nenos e nenas da escola infantil a través da limitación de velocidade. Na súa contorna instalaranse tamén nesta área farois novos que melloren a iluminación do lugar e plantarase árbores.
O proxecto foi adxudicado á empresa Narom S.L. por un importe total de 173.727,75 euros e está previsto que as obras comecen a finais de febreiro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario