22 de xan. de 2021

PONTEVEDRA

A Xunta de Galicia destina 7,3 M€ ao funcionamento dos Grupos de Desenvolvemento Rural de Galicia para os dous vindeiros anos  

A delegada territorial, Luisa Piñeiro, mantén un encontro cos representantes dos cinco GDR da provincia de Pontevedra para planificar a estratexia ata o ano 2022

Captura de pantalla da xuntanza telemática celebrada no día de hoxe, coa participación da delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, e os presidentes e xerentes dos cinco GDR da provincia

A Consellería do Medio Rural vai destinar 7,3 millóns de euros entre este exercicio e o seguinte para soster o funcionamento destes grupos en toda a comunidade  

A representante autonómica explicoulles que van contribuír a despregar as estratexias da Xunta nos seus territorios e animounos cara á fase de proxectos

 

Infogauda / Pontevedra

  A Consellería do Medio Rural vai destinar 7,3 millóns de euros aos gastos de funcionamento dos 24 Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) alomenos durante os dous vindeiros anos, ata 2022, co obxectivo de que sigan acometendo o seu traballo de captación e implantación de proxectos nos ámbitos rurais.

 Esta medida foi anunciada esta mañá pola delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, aos presidentes e xerentes dos cinco GDR da provincia –Pontevedra-O Morrazo, Baixo Miño, Condado-Paradanta, Salnés-Ulla-Umia e Pontevedra Norte– nunha xuntanza telemática na que lles confirmou que o Goberno galego xa ten orzamentados os seus gastos de funcionamento no período 2021-2022 para financiar a súa actividade neste período.

 A representante autonómica sinalou que Medio Rural agarda que poidan proseguir coa implementación de estratexias nos distintos territorios “mediante a selección de novos proxectos que contribúan a acadar un maior grao de desenvolvemento nas áreas rurais” e detallou que a próxima quenda para a presentación de iniciativas abrirase, como é habitual, en primavera. Nas vindeiras semanas perfilaranse os orzamentos, que se repartirán de xeito proporcional á puntuación acadada na fase de recoñecemento como entidades colaboradoras coa Xunta, e tamén os prazos para esta anualidade.

Luisa Piñeiro concretou que o obxectivo deste apoio e coordinación cos GDR pasa por “impulsar medidas para sectores como o agroalimentario, o gandeiro, o forestal, o turístico, o ambiental e do pequeno comercio, especialmente en zonas rurais” e animou aos seus representantes a amosarse proactivos na captación de proxectos para favorecer o desenvolvemento destes territorios.

 Como principal novidade, a colaboración bidireccional entre a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), dependente da Consellería do Medio Rural, e os grupos vai experimentar un pequeno cambio, xa que os GDR van contribuir a despregar no territorio as estratexias e proxectos de desenvolvemento impulsados pola Xunta, facendo de interlocutores cos axentes locais nos procesos de participación, colaborando activamente na planificación de estratexias e programas e transmitindo as ideas, opinións e demandas de cada zona.

 “Aspiramos a ter unha participación máis activa aínda no desenvolvemento rural a través dos GDR, xa que elo terá unha repercusión moi positiva no tecido social e económico destas zonas”, detallou Luisa Piñeiro, que lembrou que, só no período de execución 2014-2020, o plan Leader supuxo un investimento de 1.186 millóns de euros no rural galego.

Ningún comentario:

Publicar un comentario