16 de xan. de 2021

PATRIMONIO

Román Rodríguez anuncia que a Xunta de Galicia investirá 160.000 € na restauración do Mosteiro de San Pedro de Vilanova de Dozón  

A achega permitirá resolver os problemas de humidade, revisar a cuberta, limpar as fachadas e substituír a carpintería exterior que estea en mal estado 

O titular de Cultura visitou hoxe o templo, onde incidiu na necesidade destes traballos despois de que a última actuación de conservación se fixera no 2004  

A intervención reforza o compromiso da Xunta por poñer en valor o patrimonio que se reflicte nun incremento do 19% nos orzamentos deste ano

Infogauda / Dozón (Pontevedra)

 O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, visitou hoxe o mosteiro de San Pedro de Vilanova Dozón, na provincia de Pontevedra, onde anunciou que a Xunta de Galicia ten previsto levar a cabo un proxecto de restauración grazas dunha achega de 160.000 euros.

 Durante a súa visita, o titular de Cultura explicou que a achega do Goberno autonómico permitirá resolver os problemas de humidade que afectan ao inmoble, especialmente ás zonas sur e norte, onde é preciso revisar as últimas drenaxes. Así mesmo, tamén está prevista a limpeza das fachadas prestando especial coidado nos elementos escultóricos romanos. Dentro deste proxecto tamén se inclúe a revisión dos encontros, beirados e tellas da cuberta, así como a substitución dos elementos interiores e da carpintería exterior que estean en mal estado.

 Román Rodríguez incidiu na necesidade de levar a cabo estes traballos, despois de que a última actuación de conservación, centrada na mellora do tellado e da fachada exterior, se fixera no ano 2004. Proba disto, é que son xa apreciables os efectos do deterioro ocasionado pola colonización biolóxica, a falta de mantemento e o incorrecto funcionamento dos sistemas construtivos con maior compromiso na evacuación da auga de choiva e a protección ante a humidade de capilaridade e filtración, especialmente a drenaxe.

Fundada no século XII

 Durante a visita, o titular de Cultura, salientou que con estas actuacións o Goberno autonómico continúa reforzando o seu compromiso co patrimonio galego e que se reflicte nos orzamentos do vindeiro ano, onde a partida para actuacións de conservación e restauración se incrementa nun 19%. Neste caso, os traballos impulsados pola Xunta de Galicia permitirán poñer en valor a igrexa románica fundada no século XII e da que destaca a salientable imaxe cisterciense que mostra o interior do templo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario