20 de xan. de 2021

O ROSAL

As obras do mercado do Rosal, a bo ritmo  

· Arquitectos, alcaldesa e concelleiros visitaron a praza de abastos  

· Reuníronse tamén co equipo responsable da redacción do proxecto da Praza do Calvario para coordinar traballos, especialmente os relacionados coas subministracións  

 

A alcaldesa do Rosal, visitou o mercado municipal acompañada dos arquitectos responsables da súa reforma e de concelleiros para comprobar a evolución das obras

 

Infogauda / O Rosal

 A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, visitou o mercado municipal acompañada dos arquitectos responsables da súa reforma e de concelleiros para comprobar a evolución das obras desta primeira fase, que arrancaban a semana pasada co obxectivo de recuperar un edificio emblemático dos anos 50 e converter a praza de abastos nun espazo vivo que dinamice o núcleo urbano económica e socialmente.  

 “Estamos en plena execución da fase 1 destas obras que son exemplo da aposta clara do Concello polo local, promovendo actuacións que fagan o  noso comercio máis atractivo e competitivo”, salienta a rexedora. Neste sentido, por exemplo, o novo mercado contará por exemplo, cun novo posto en formato tenda de conveniencia co que fomentar o produto de proximidade. Por outra banda, o Concello xa está a traballar na segunda fase da reforma, que fará fincapé nesta aposta polo local e pola calidade seguindo os estándares de Mercado de Excelencia que marca a propia Xunta de Galicia.  

 


 

 Tras a visita ás obras, os arquitectos do mercado municipal mantiveron unha reunión de traballo co equipo responsables da redacción do proxecto da Praza do Calvario co obxectivo de abordar as obras de xeito coordinado, sobre todo en traballos relacionados con cuestións como as subministracións. “Abordamos o proxecto de reforma da praza e a execución da obra do mercado non só como cuestións puntuais, senón  como unha reformulación de toda a contorna, como unha nova forma de pensar os espazos públicos e recuperalos para as persoas”, recorda Ánxela Fernández.  

 Os traballos de reforma do edificio terán un prazo de execución de menos de tres meses e un custo de máis de 207.000 euros que irán a cargo do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, dunha subvención de Agader e de financiamento propio do Concello.  Mentres duren as obras, os praceiros e praceirasseguirán ofrecendo os seus servizos na Escola Simón de Mazo, remodelado e acondicionado polo Concello para adaptalo á nova actividade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario