10 de xan. de 2021

GALICIA

A Xunta de Galicia inicia a vindeira semana traballos de roza e limpeza nas marxes de distintas estradas da provincia de Ourense e retoma estes labores en vías de Lugo, A Coruña e Pontevedra 

As intervencións forman parte das tarefas que se veñen realizando nas estradas autonómicas para contribuír a previr lumes e reforzar a seguridade viaria 

 

O luns retómanse as tarefas de roza nas vías de alta capacidade CG-4.2, entre Tomiño e A Guarda, e na PO-010, que une a autoestrada de circunvalación de Vigo VG-20, no lugar de Balsa, co polígono industrial de Balaídos

 

Infogauda / Galicia

  A Xunta de Galicia ten previsto iniciar a vindeira semana os traballos de roza e limpeza en distintas estradas de titularidade autonómica nas provincias de Ourense, de Lugo e de Pontevedra.

 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da empresa pública Seaga, vén realizando nos últimos meses estas tarefas de acondicionamento nas franxas de dominio público de vías autonómicas das catro provincias para previr lumes e reforzar a seguridade viaria.

 No marco destas actuacións, comezarán os traballos nas estradas da provincia de Ourense: na OU-504 entre Ribadavia e Cea, e na OU-531, que une Xinzo e Cortegada. Ademais, retomaranse estas tarefas na estrada OU-105, que comunica a cidade de Ourense coa Ponte Noalla, en San Cibrao das Viñas.

 Na provincia de Lugo avanzarase nos traballos de roza na vía de altas prestacións CG-2.2, en Lugo e no Corgo; e na provincia da Coruña retómanse os traballos de roza na VAP VG.-1.2, entre Ares e Mugardos.

 En canto ás actuacións nas estradas de titularidade autonómica da provincia de Pontevedra, este luns retomaranse os labores de roza e limpeza nas vías de alta capacidade: CG-4.2, entre Tomiño e A Guarda, e na PO-010, que une a autoestrada de circunvalación de Vigo VG-20, no lugar de Balsa, co polígono industrial de Balaídos. Tamén se intensificarán os traballos na VG.-4.3, entre Cambados e Vilagarcía.

 As tarefas que se veñen realizando céntranse na retirada de especies pirófilas, aquelas que son máis propensas á propagación do lume, coa fin de previr incendios forestais.

 Tamén se acometen rozas para completar o traballo ordinario de conservación das estradas e reducir progresivamente o uso de herbicidas, dando cumprimento a un acordo parlamentario.

 Ademais, realízase o acondicionamento de zonas verdes e sendas peonís, para que estean en condicións axeitadas.

 As intervencións teñen como obxectivos potenciar o efecto cortalumes das estradas; aumentar a seguridade viaria, cunha maior visibilidade; e fomentar unha mobilidade máis segura e sustentable mediante as sendas e zonas verdes para o tránsito peonil.

Ningún comentario:

Publicar un comentario