O Pleno da Deputación dá parabéns por unanimidade á nova denominación do ‘Edificio Castelao' do Museo de Pontevedra
O vicepresidente César Mosquera insiste en que a proposta do Consello Asesor repara "unha inxustiza histórica" co autor en Pontevedra, onde ningunha institución levaba o seu nome
‘Edificio Castelao' será a nova denominación do inmoble do Museo de Pontevedra que ata o de agora era coñecido como ‘Edificio Sexto'- Foto: D.PO.
Infogauda / Pontevedra
O Pleno da Deputación de Pontevedra deu hoxe por unanimidade os parabéns á nova denominación do ‘Sexto' como ‘Edificio Castelao' nun acto que se converteu na reivindicación do autor rianxeiro como un personaxe fundamental tanto para o Museo como para a cidade de Pontevedra.
O vicepresidente César Mosquera destacou a súa vontade de tratar o nomeamento ante toda a Corporación –algo non preciso formalmente -para darlle a maior transcendencia e oficialidade posible. "Sendo tan grande a vinculación de Castelao con Pontevedra era unha reparación histórica que había que facer. Agora danse as condicións, pero xa debía terse feito hai tempo", subliñou, asegurando que o líder galeguista non tiña ata agora ningunha institución decidada co seu nome na cidade do Lérez. "Era o momento de superar os ‘peros', alégrome de que se aprobe o nome por unanimidade", dixo.
Así mesmo, e ante a ‘reflexión' do Partido Popular por non ter feito un proceso de selección de nome aberto á cidadanía, Mosquera lembrou que a iniciativa de dedicar o edificio do Museo a Castelao partiu do Consello Asesor, un grupo do que asegurou está a realizar un traballo extraordinario cunha implicación "que desborda as miñas expectativas, que xa eran altas: A proposta saiu do Consello Asesor. Non foi nn miña, nin dos cargos nin dos funcionarios. Pode dar fe o secretario, que tamén estaba na reunión na que se tomou a decisión".
Pola súa parte, a presidenta Carmela Silva cualificou a decisión do Pleno como "histórica" e insistiu en que é especialmente valiosa ao ter saído do Comité Asesor do Museo, formado por persoas de relevancia. Tras explicar que ela mesma estudou nun instituto "que levaba o nome de Castelao" afirmou que "tódalas galegas e galegos recoñecémonos en Castelao cando reivindicamos o dereito a ocupar o noso lugar no mundo".
A día de hoxe a maior parte da produción artística e intelectual de Castelao exhíbese e custódiase no Museo de Pontevedra, que alberga entre os seus fondos máis de 2.000 obras. Trátase do único artista que dispón dun espazo exclusivo propio, a ‘Sala Castelao', onde se exhiben todas as facetas como caricaturista, debuxante, pintor, gravador, ilustrador, escenógrafo, novelista, etnógrafo, autor teatral, ensaísta e político, convertendo ao Museo de Pontevedra no espazo de referencia para o coñecemento, estudo e difusión da súa obra.
Hai que lembrar que o líder galeguista colaborou
activamente na creación do Museo de Pontevedra. Iniciou a súa propia
colección na institución cando en 1931, sendo membro do Padroado
fundador, depositou once das súas obras, e manifestou o seu desexo de
reunir alí o máis salientable da súa produción, un depósito que sería
posteriormente adquirido en 1964 á súa xa viúva Virxinia Pereira, quen
legou tamén un gran numero de orixinais da súa propiedade. Desde ese
momento e ata a actualidade, novas doazóns, depósitos e compras
ampliaron a relevancia da colección, que acaba de alcanzar un punto
culminante coa recente adquisición do Álbum Nós.
Ningún comentario:
Publicar un comentario