A SOCIEDAD PRO-MONTE SANTA TECLA: DO BRILLANTE PULO FUNDACIONAL AO ESMORECEMENTO E DESAPARICIÓN
· O Concello de A Guarda asume o compromiso de ser depositario dos seus bens
Directivos da Sociedad Pro-Monte Santa Tecla, socios e familiares, en 1913, na primeira romaría da institución, celebrando o primeiro aniversario da súa fundación - Fotos: M. Jiménez - Arq.: Infogauda
Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda
Así como no ano 1912 foi cando se fundou a Sociedad Pro-Monte Santa Tecla, merítísima entidade cuxos membros tanto contribuiron – de xeito especial nas primeiras décadas da súa andaina - a elevar á Cultura do noso pobo e a situalo como un magnífico referente da arqueoloxía e do turismo do noso País; o annus horribilis de 2020 podemos decir que foi a fin da derradeira etapa na traxectoria da Sociedad, fundada por D. Manuel Lomba Peña xunto con outros relevantes guardeses. Foi o remate da súa existencia, xa que logo dunha morea de tempo – a última Xunta Xeral Ordinaria, na que fora elexida nova Xunta Directiva, con D. Ermelindo Portela Gómez de presidente, e D. Antonio Martínez Vicente como vicepresidente, foi celebrada en data 14 de xaneiro de 1979 – a Sociedad Pro-Monte Santa Tecla entrou nunha fase de hibernación da que non deu saído, toda vez que súa inacción foi total desde aquela altura. Feito coincidente no tempo en que algúns guardeses con inquedanzas sociais estabamos atarefados e ilusionados coa nova etapa que logo do pasamento do dictador Francisco Franco, e unha vez recuperadas as liberdades en España, abríase para democratizar os concellos de todo o Estado español. E no caso do Concello de A Guarda, que desde o golpe de estado contra o lexítimo Goberno da II República Española viña sendo gobernado ata maio de 1979 por persoas – agás excepcións moi contadas – afíns ao réxime franquista, aconteceu que á cidadanía logrou organizarse e crear candidaturas alternativas – Agrupación Democrática Guardesa (ADG) e Unión de Centro Democrático (UCD) – para participar lexítimamente na campaña electoral, en boa lide coa dereita local - que viña gobernando no concello guardés - organizada no Grupo Independiente Guardés (GIG). Dese xeito, os que nos meses precedentes tiñamos previsto entrar como socios/as da Socidedad Pro-Monte Santa Tecla, pasamos a ocuparnos de diferentes tarefas, entre elas, á actividade cultural, medioambiental, política, sindical,..., e ao mesmo, reivindicar á devolución dos montes aos veciños das parroquias de A Guarda, Camposancos e Salcidos, e dar os pasos posteriores que iso implicou.
Esa é, nosa persoal lectura a día de hoxe.
Xunta directiva da Sociedad Pro-Monte Santa Tecla, nun dos sectores excavados
Andado o tempo, xa neste século XXI, ao non celebrarse ás correspondentes asembleas ordinarias de socios e ao non ter a Sociedad Pro-Monte Santa Tecla actividade como tal, o Concello de A Guarda, presidido polo alcalde Antonio Lomba Baz, promoveu súa disolución. Logo dese paso, e por decilo de xeito sintetizado, ollando os Antecedentes de feito, que constan na Sentenza nº 661/2020, en data 1 de abril de 2019 pronunciouse o Xulgado de Primeira Instancia e Instrucción de Tui, nos autos de xuizo ordinario, sentenza cuxa parte dispositiva di (na língua de Cervantes, que nós decidimos traducir ao galego): “Estimo íntegramente a demanda deducida pola Procuradora Dona (...)” -omitimos por imperativo legal seu nome e apelidos - “(...) en nome e representación do Concello de A Guarda fronte a Pro-Monte Santa Tecla Centro de Iniciativas y Turismo de La Guardia (sic) e fronte a (...)” - omitimos por imperativo legal o nome e apelidos dun terceiro, natural de A Guarda, cuxa identidade cónstanos, que figura inscrito como socio nº 588 da Sociedad Pro-Monte Santa Tecla – “(...) e en consecuencia decrárase a disolución da sociedade demandada e a apertura da fase de liquidación da mesma previa a súa extinción, recoñecendo o dereito do concello de A Guarda a que se lle entreguen en calidade de depositario, os bens propiedade da devandita entidade (...)”.
Con posterioridade, o devandito particular de A Guarda, interpuxo recurso de apelación mediante escrito presentado o 7 de xullo de 2020 e polo que, tras alegar os feitos e razoamentos xurídicos que estimou de aplicación, terminou suplicando que, previos os trámites legais se dicte sentenza pola que con estimación do recurso se revoque a de instancia e, no seu lugar, se desestime a demanda. Absolvendo a demandada de todas e cada unha das pretensións exercitadas na mesma (...)”.
Do referido recurso deuse traslado a demandante, que se opuxo ao mesmo a medio de escrito presentado o 12 de agosto de 2020 e polo que interesaba que, previos os trámites legais, se dicte sentenza pola que se confirme íntegramente a sentenza de instancia (,,,)”, “(...) tras o cal, en data 18 de setembro de 2020 eleváronse as actuacións a Audiencia Provincial para a resolución do recurso (...)”.
Nos Fundamentos de Dereito, ademáis de indicar como obxecto de recurso (...)” “(...) a sentenza en virtude da cal, estimando íntegramente a demanda presentada polo Concello de A Guarda, decrárase a disolución da Sociedad Pro-Monte Santa Tecla – Centro de Iniciativas y Turismo de La Guardia (sic) e a apertura da fase de liquidación da mesma, previa a súa extinción recoñecendo o dereito do concello de A Guarda a que se lle entreguen, en calidade de depositario, os bens propiedade da citada entidade.
A mencionada sociedade foi decrarada en situación de rebeldía procesal ao non haber comparecido en tempo e forma. Quen sí o fixo, en canto a socio de pleno dereito da citada asociación demandada foi (...)” – novamente omitimos o nome e apelidos de cidadán natural de A Guarda – “(...) que interpón recurso de apelación, reiterando nesta alzada os motivos de oposición aducidos ao opoñerse a demanda e que, sucintamente consisten:
1º Falta de lexitimación activa do Concello de A Guarda para exercitar a acción de decraración de disolución da asociación demandada. Por entender que, de acordo co art. 34 do Regulamento polo cal se rexe o funcionamento da asociación é necesario o voto das tres cuartas partes dos socios para instar a disolución sen que poida confundirse o recoñecemento a seu favor da condición de posible depositario dos bens da sociedade demandada, unha vez disolta e tralo oportuno proceso de liquidación coa lexitimación para solicitar a disolución.
2º Non concorren as causas de disolución alegadas pola parte actora, posto que a asociación seguiu xestionando seu patrimonio trala creación do padroado [Municipal Monte Santa Tecla], e os bens que integran o patrimonio social atópanse baixo seu poder e responsabilidade. Por outra parte independentemente de que algúns socios haxan falecido, actualmente existe un número considerable de socios de pleno dereito que non perden súa condición de tales, como tampouco é certa a situación de impago de cuotas dos socios, o que en todo caso non privaría da cualidade de socio pois tal circunstancia debe ser adoitada pola propia Xunta Xeral (...)”.
Compre salientar que desde a Asemblea Xeral Ordinaria celebrada o 14 de xaneiro de 1979, a Sociedad Pro-Monte Santa Tecla non voltou “(...) a constatarse actuación algunha a non ter lugar ningunha Xunta Ordinaria ou Extraordinaria. Como tampouco se pasaron ao cobro nin se abonaron os correspondentes recibos dos socios de número (así resulta da decraración do testigo Sr. – omitimos os apelidos -, en relación co Libro de Actas da asociación, tanto da Xunta Xeral como da Xunta Directiva, o Libro Rexistro de Socios e a resposta escrita do citado testigo. Ao evacuar o requerimento practicado na súa condición de presidente en funcións, no sentido de que “respecto dos cobros das cuotas ordinarias, reflíctense no Libro de Tesourería...os últimos recibos abonados polos socios en anos 1976-1977. Con posterioridade a estes anos, deixaron de abonarse as cuotas por parte dos socios”).
No apartado de “Antecedentes fácticos de interese”, da Sentenza 661/2020 consta que “ante esta situación, D. – omitimos o nome a apelidos -, presidente en funcions por falecemento de D. Ermelindo, convocou aos membros sobrevivintes da última xunta directiva de 1979 a unha reunión extraordinaria o 10 de agosto de 2017, con un único punto na orde do día, a saber, a disolución da sociedade, si ben, mália a prolongarse en varias sesións, na reunión non se acadou ningún acordo (segundo corroborou o citado testigo Sr. – omitimos seus apelidos -).
En consecuencia, non obstante carecer de actividade, a repetida sociedade conserva súa persoalidade xurídica e é propietaria dos seguintes bens (extremo non discutido):
- O parque público do Cancelón, adquirido no ano 1958.
- A Casa da Cultura, construída pola sociedade [Pro-Monte Santa Tecla] no ano 1974.
- O Fondo Pro-Monte Santa Tecla (FPMST), formado por libros de actas, folletos e documentación varia da sociedade.
- Os fondos arqueolóxicos adquiridos en virtude do art. 351 CC e demáis normativa concordante de aplicación con anterioridade a lexislación estatal e autonómica de patrimonio cultural.
- A Presidencia do Hospital Casa Asilo, de A Guarda.
O custe de mantemento e conservación dos bens descritos é sufragado desde o ano 1979 polo Concello de A Guarda (neste sendo pronunciouse o testigo Sr. – omitimos novamente seus apelidos -, ao evacuar o requerimento sobre aportación de “Inventario de Bens e dereitos con indicación dos gastos realizados na conservación e mantemento dos mobles e inmobles”)”.
Feito ese repaso compre salientar que en data 3 de decembro de 2020 foi dictada na Audiencia Provincial – Sección nº 1, de Pontevedra, a Sentenza 661/2020, cuxo fallo estima parcialmente o recurso de apelación interposto pola procuradora Sra. – omitimos seus apelidos -, en nome de D. – omitimos o nome e apelidos do guardés que recorreu -, contra a sentenza pronunciada o 1 de abril de 2020 polo Xulgado de Primeira Instancia e Instrucción núm. 1 de Tui, revocando “(...) dita resolución no único particular de deixar sen efecto o pronunciamento sobre a condena ao pago das costas procesais impostas ao hoxe recorrente”.
É decir, que o devandito veciño que actou como terceiro, había sido condeado a pagar as taxas, e logo de interpoñer o recurso contra a Sentenza nº 52/2019, do Xulgado de Primeira Instancia e Instrucción de Tui, quedou exonerado do devandito pago. Polo demáis a Sentenza nº 661/2020 da Audiencia Provincial – Sección nº 1 de Pontevedra, non modifica o fallo da Sentenza nº 52/2019, e unha vez transcorrido o prazo legal - que vén de rematar - para o posible recurso de casación - que ninguén presentou -, polo cal a Sentenza nº 661/2020 é firme; podemos informar que a Sociedad Pro-Monte Santa Tecla pasou de ser unha activa entidade, a ser unha entelequia – como á denominou no seu día o Sr. Raúl González Puebla, sendo alcalde de A Guarda -, e a día de hoxe, deixou de existir legalmente a todos os efectos. Dese xeito, a Sociedad Pro.-Monte Santa Tecla quedou disolta, e como antes indicamos, o Concello de A Guarda logo do oportuno proceso de liquidación, será a institución que ten o dereito a que se lle entreguen en calidade de depositario, os bens propiedade da devandita entidade, e por conseguinte, a asumir súa custodia, mantemento e conservación.
Non foi ese, obviamente, estamos seguros, a fin que huberan querido os merítisimos fundadores da Sociedad Pro-Monte Santa Tecla. O final foi o que correspondía, logo de preto de 40 anos de inactividade. Todos, agás excepcións moi concretas, somos co responsables de que a estación final fose tan triste. Non temos disculpa posible.
En calquer caso, queda para a Historia de A Guarda, a que poderíamos denominar brillante etapa da Sociedad Pro-Monte Santa Tecla. A que cumpliu ao longo de moitos anos co establecido no seu Regulamento, labor do que logo de máis de un século A Guarda – principalmente, e por extensión toda a súa contorna -, continúan recibindo os froitos. .
Ningún comentario:
Publicar un comentario