15 de dec. de 2020

PONTEVEDRA

Grande acollida para o premio de Microteatro da Memoria da Deputación de Pontevedra e a ESAD, que recibe 22 traballos aspirantes na súa primeira edición  

A deputada María Ortega destaca a importancia de que a xente moza se achegue á temática da Memoria Histórica propoñendo formatos novidosos 

 


Infogauda / Pontevedra

 O Premio de Microteatro da Memoria convocado pola Deputación de Pontevedra en colaboración coa Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESAD) vén de recibir unha moi boa acollida. Unha vez pechado o prazo de presentación ás 00.00 horas do sábado recibíronse 22 traballos aspirantes, número que a deputada de Memoria Histórica María Ortega cualificou como un grande éxito para a primeira edición.  

 Ortega destacou que é importante que a xente moza se achegue á Memoria Histórica, e subliñou que para iso as institucións deben fomentar a utilización de novos formatos e novas linguaxes que sexan máis eficaces na comunicación interxeneracional. "É fundamental promover a sensibilidade, dar a coñecer os feitos acontecidos no noso pasado dunha maneira crítica, que mozos e mozas saiban como o golpe do 36 truncou todo un porvir de apertura e modernidade, e facelo sendo innovadores e visuais: o microteatro é unha vía non moi explorada aínda", destacou.  

 Os textos, presentados de maneira anónima, serán analizados nas vindeiras semanas polo xurado, formado polo dramaturgo Ernesto Is, a directora de escena Irene Moreira –en representación da ESAD-, e a escritora e xornalista Eva Mejuto –en representación da Deputación-. Entre outros aspectos, valorarase a súa calidade lingüística e literaria, a posibilidade de representación e o seu enfoque con perspectivas de país, xénero e clase, cuestión que o departamento de Memoria Histórica pretende ter en conta en tódolas actividades programáticas.  

 Unha vez analizadas as plicas presentadas, a orixe dos traballos é bastante variada, xa que hai tanto pezas de dramaturgas e dramaturgos profesionais, alumnado e exalumnado da ESAD, como persoas a priori non están relacionadas co teatro. Tamén hai paridade en canto ao número de obras presentadas por mulleres e homes.  

 O premio único está dotado de 500 euros. O certame, a través das entidades que o organizan, posuirá os dereitos da autoría para uso escénico no ano seguinte ao de saber a gañadora ou gañador, sempre no ámbito académico e sen prexuizo de outras cesións de uso.

Ningún comentario:

Publicar un comentario