O alcalde de A Guarda, Antonio Lomba Baz, logra a confianza da corporación municipal
E con ela a aprobación dos orzamentos para o exercicio de 2021
Infogauda / A Guarda
Na mañá deste mércores día 23 de decembro, celebrouse no concello de A Guarda o pleno no que se debateu a cuestión de confianza do alcalde Antonio Lomba Baz, vinculada a aprobación dos orzamentos municipais para o ano 2021.
Durante a súa intervención o alcalde pediu “a confianza da corporación” apelando “a vontade do pobo da Guarda expresada nas eleccións municipais que deu o apoio maioritario ás forzas de esquerdas”.
Tal e como prevíamos en días precedentes, a nivel interno na Redacción deste xornal dixital transfronteirizo, na análise de probabilidades de que prosperase ou non, a cuestión de confianza vencellada á aprobación dos orzamentos municipais para o exercicio de 2021, a aritmética dispoñible confirmou o noso prognóstico, que obviamente decidimos non facer público para non influir nin o máis mínimo no desenvolvemento normal da actividade municipal. O feito é que esa aritmética fixo posible no día de hoxe que Antonio Lomba Baz lograse acadar a confianza, ao contar co voto favorable do grupo Converxencia Galega e a abstención do BNG. O PP, como xa fixera o pasado venres día 18 deste mes, no pleno extraordinario dos orzamentos, votou en contra.
Coa confianza outorgada, Antonio Lomba, consegue levar adiante un proxecto de orzamentos que segundo valoran desde o executivo local “supón un avance para a localidade ao contar con máis de 1.150.000,00€ respecto do orzamento prorrogado co que se viña traballando. Como xa informara con anterioridade, este orzamento é totalmente imprescindible para atender as necesidades da veciñanza”.
Durante a súa exposición, Antonio Lomba, expuxo “as posibilidades de negociación do orzamento que os grupos da corporación non aproveitaron”, argumentando que “puideron poñer encima da mesa investimentos vinculados ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, dada a escasa posibilidade de manobra do orzamento municipal, que tan só reserva 100.000 € para investimentos”.
Como é lóxico, o alcalde de A Guarda amosa a súa “satisfacción por ter acadado a confianza do plenario xa que os intereses da cidadanía deben estar por riba de intereses partidistas e por riba de nimiedades que non conducen a ningún sitio. A mellora do benestar da cidadanía o é o proxecto e a idea en torno a cal xira a acción política do alcalde e do equipo de goberno”.
Finalmente, Antonio Lomba tamén referiu: “Foi un exercicio de responsabilidade poñer a disposición da corporación o cargo de alcalde e o do equipo de goberno, antepoñendo os intereses da cidadanía por riba de todo.”
Ningún comentario:
Publicar un comentario