Urbanismo emite informe favorable sobre o Plan especial de protección do conxunto histórico do concello de Tui
A Xunta de Galicia acaba de notificar o contido da súa resolución, como paso previo para a aprobación definitiva do Pepcha promovido polo Goberno local
O sentido do informe está condicionado a que o Concello achegue a documentación requirida en virtude das normas técnicas de planeamento, que entraron en vigor o pasado mes de maio
Infogauda / Tui
A Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo (DXOTU) acaba de emitir informe favorable sobre o Plan especial de protección do conxunto histórico (Pepcha) de Tui, paso previo para á súa aprobación definitiva. A resolución do organismo autonómico, que hoxe mesmo lle foi notificada ao concello pontevedrés, permite continuar coa tramitación administrativa deste instrumento de ordenación, promovido polo Concello.
Cómpre lembrar que a Xunta de Goberno local de Tui aprobou provisionalmente o Pepcha o pasado mes de maio e a continuación elevouno á DXOTU para informe previo á aprobación definitiva, un documento preceptivo e vinculante, segundo se establece na Lei 9/2002 de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (LOUG).
O ámbito do Pepcha coincide co definido no PXOM e co incluído no decreto 2286/1967 polo que se declara Conxunto Histórico-Artístico a cidade de Tui, se ben se amplía a chamada zona de respecto –fixada a fin de protexer a paisaxe exterior do municipio- na zona sur e norte en comparación coa que aparece delimitada no devandito decreto.
Ademais, no expediente achegado polo Concello constan informes xurídicos municipais favorables condicionados, e informe da Intervención municipal en relación ao investimento do Concello. Tamén consta informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural sobre o documento aprobado provisionalmente do Pepcha de Tui.
Por todo o exposto e analizada a documentación relativa ao plan especial de protección, a DXOTU decidiu emitir informe favorable previo á aprobación definitiva, que lle corresponderá agora ao Concello de Tui.
En
todo caso, a resolución de Urbanismo queda condicionada ao cumprimento
do requisito fixado nas Normas Técnicas de Planeamento Urbanístico de
Galicia (NNTT), que entraron en vigor en maio deste ano e establecen que
os documentos de planeamento que se remitan á Consellería competente en
urbanismo para informe ou aprobación, acompañarán os datos xeográficos
do documento en soporte vectorial xeorreferenciado ou axustado ás NNTT.
Ningún comentario:
Publicar un comentario