O deputado do BNG, Manuel Antonio Lourenzo, visita Tomiño para interesarse polos problemas na atención primaria
O parlamentario entrevistouse coa alcaldesa, a concelleira de Benestar Social e cunha representación do persoal sanitario do Centro de Saúde de Tomiño
Infogauda / Tomiño
O deputado do BNG no Parlamento de Galicia, Manuel Antonio Lourenzo Sobral, visitou Tomiño esta mañá, onde se entrevistou coa alcaldesa Sandra González Álvarez, a concelleira de Benestar Social, Cristina Martínez Souto, e cunha representación do persoal sanitario do Centro de Saúde de Tomiño, “para interesarse de primeira man polas eivas e deficiencias existentes no servizo de Atención Primaria do municipio, conformado por este centro e polo consultorio médico de Goián”.
A visita está enmarcada dentro do conxunto de accións que o BNG local está a levar a cabo nos últimos meses “para esixir ao Sergas a garantía dunha boa prestación de dito servizo neste concello, un servizo que ten recibido múltiples queixas por parte das persoas usuarias, especialmente a través das redes deinformación local”.
Durante a visita tratouse “a problemática derivada da non reposición das ausencias do persoal sanitario por parte da Consellería de Sanidade, o que leva que durante as mesmas as pacientes sexan desviadas ao resto de colegas do centro, coa conseguinte sobrecarga de traballo, que obriga ao persoal a facer horas extras que non lles son remuneradas. Tal e como recalcan os propios profesionais, isto ten acontecido durante todo o transcurso da pandemia” ata agora.“Desde que chegou a pandemia non houbo ningún momento no que chegaran a estar cubertas ao mesmo tempo as 8 prazas que ten asignadas o centro médico”, declarou unha das médicas presentes na reunión. Do mesmo xeito, “o consultorio de Goián permanece fechado pola falta de cobertura do persoal, tendo que derivar aos usuarios e usuarias do mesmo ao Centro de Saúde do Seixo”.
O BNG de Tomiño considera que, “nesta crise sanitaria que se está a vivir, a Xunta de Galicia debe poñer todo o seu esforzo en que o servizo de atención médica sexa eficiente e inmediato”. Por iso desde o BNG declaran que “seguirán asumindo esta reivindicación da veciñanza de Tomiño e acometendo as accións que sexan precisas para garantir este obxectivo”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario