5 de nov. de 2020

PONTEVEDRA

O PLAN REVITALIZA, POTENCIAL ALIADO CONTRA OS LUMES FORESTAIS NA PROVINCIA POLA NECESIDADE DE BIOMASA PARA A COMPOSTAXE  

A Deputación de Pontevedra participará nunhas xornadas do proxecto GEFRECON  ao Instituto Tecnolóxico de Galicia e a Asociación Forestal Galega para falar das posibilidades dos recursos forestais   

Infogauda / Pontevedra

 O Revitaliza é un potencial aliado contra os lumes forestais na provincia pola necesidade de biomasa no proceso de compostaxe. Así o asegura o deputado Uxío Benítez, quen destaca a importancia de entroncar o traballo do Revitaliza coa prevención dos incendios  é unha liña de traballo e relación cos axentes forestais na que se debe afondar de cara ao futuro.   

 Benítez anunciou hoxe que o asesor de residuos da Deputación de Pontevedra, Carlos Pérez, participará a finais deste mes nunha xornada de ‘Presentación de ferramentas de avaliación do recurso forestal e plans municipais de defensa contra incendios’ organizada ao abeiro do proxecto GEFRECON de ‘Xestión Foroestal conxunta para prevención de incendios forestais en territorio POCTEP’, cofinanciado con fondos europeosa través do programa Interreg V-A España-Portugal.   

 Pérez participará no terceiro relatorio das xornadas, o 30 de novembro, e falará sobre o plan de ‘Xestión circular de residuos municipais pola Deputación de Pontevedra’. Dará a súa visión sobre a situación actual da prevención de incendios forestais mediante a xestión forestal integrada e sobre a potencial achega dunha xestión eficiente e sustentable dos residuos forestais, en concreto, da proposta de uso e derivación dunha parte dos residuos forestais para a compostaxe da fracción orgánica de residuos municipais (FORM) e de como encaixa o Revitaliza ao respecto.  

 Hai que lembrar que no proceso de compostaxe dos biorresiduos cada vez que unha persoa realiza unha achega de lixo a un composteiro debe achegar tamén a parte correspondente de estruturante, isto é materiais vexetais secos, preferentemente leñosos, triturados ou partidos (biomasa). Estes materiais secos, moi ricos en carbono, teñen como función principal a de dar ‘estrutura’ ao material a compostar: permiten que se airee e compensan a humidade, evitando tamén coa súa utilización a aparición problemas como os lixiviados ou malos cheiros. De feito, achegar estruturante é unha das reglas básicas para compostar correctamente.  

 Tendo en conta o número de centros de compostaxe comunitaria e de composteiros individuais repartidos polo Revitaliza na provincia a cantidade de biomasa necesaria na provincia é moi elevada. Por este motivo o produto resultante dalimpeza dos montes existentes podería ter saída de maneira automática dentro do plan provincial de compostaxe.    

 Segundo explican dende a organización, coas xornadas do proxecto GEFRECON ‘Xestión Forestal Conxunta para prevención de incendios forestais en territorio POCTEP’ preténdense poñer en marcha “accións innovadoras que permitan reducir o risco de incendios forestais mediante o desenvolvemento e implementación de plans conxuntos, a sensibilización da poboación, a información e formación en autoprotección e a promoción da creación de empresas forestais”, un eido no que se pode incluír o Revitaliza.  

 O obxectivo de GEFRECON é identificar recursos forestais e poder valorizalos dunha forma conxunta coa finalidade última de reducir o risco de incendios forestais a través da xestión conxunta, permitindo unha xestión sustentable no territorio e reducindo os abandonos de territorio forestal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario