11 de nov. de 2020

PONTEVEDRA

Sete emprendementos innovadores made in Galicia someteranse ao xurado do Pont-Up Exprés 

O talent business transfórmase este ano nun evento en liña que se celebrará o 19 de novembro coa participación de 4 relevantes empresas que analizarán os modelos de negocio das firmas participantes.  

 

Marián Fernández Álvarez / Pontevedra

 Desde que se lanzou en 2016, este formato é un dos que máis interese espertan entre o público e tamén un dos que mellor feedback reciben por parte, non só dos emprendementos participantes –que valoran a experiencia como unha consultoría exprés da que extraen moita información útil-, senón das empresas e entidades escoitantes, que afirman que esta actividade enriquece e actualiza o seu coñecemento do ecosistema empresarial galego. Este ano o Pont-Up Exprés vaise celebrar en liña o próximo xoves 19 de novembro entre as 19:30 e as 20:30 e poderase seguir en directo a través da canle de YouTube do evento. O obxectivo, coma sempre, é facilitar o achegamento e o diálogo entre persoas emprendedoras e representantes de empresas e entidades galegas xa consolidadas.   As 7 startups galegas seleccionadas nesta edición son: 

 THE GOOD SHOP, tenda online multimarca de moda, accesorios e decoración producidos de forma ética, sostible e de proximidade. 

 ANAINAS SKIN PEACE, alta cosmética orgánica. 

 VIVEGREENS, cultivo e venda de microbrotes. ERTHA SURFBOARDS, deseño, fabricación e comercialización de artículos sostibles para o surf. 

 SMARTWOOD, ferramenta orientada á mellora da productividade e o rendemento de exportacións agrícolas e forestais. 

 VERSOS DE A RUDA, fabricación e distribución de repostería fresca en racións. 

 O GALPÓN LAB, asociación sen ánimo de lucro de artistas emerxentes que nace para promover a creación artística e o intercambio cultural no ámbito pontevedrés   

 Cada unha das sete candidaturas seleccionadas nesta edición deberá presentar o seu negocio en 5 minutos a un comité de “escoitantes” que ofrecerán o seu feedback. Nesta ocasión ese xurado vai estar integrado por:  

 


 

Virginia Pozo Castro, licenciada en Dereito e Ciencias do Traballo e cun máster Abogacía e Asesoría Xurídica, comezou a súa carreira no sector da banca, traballando nun gabinete xurídico. En 2011 decidiu cambiar de rumbo para inaugurar a firma Coosy en Pontevedra, buscando potenciar un espazo onde atopar prendas e accesorios seleccionados en todo o mundo. Actualmente, Coosy conta con 21 puntos de venda propios e asociados en España, tendas multimarca e, dende finais de 2017 ten gran presenza internacional (Italia, Francia, Irlanda, Canadá, Xapón, Arabia Saudí,…). 

 

 

 Emilio Bruquetas Serantes. Licenciado en Ciencias Empresariais e máster en Administración e Dirección de Empresas. Comezou a súa carreira profesional como consultor de sistemas de información en diversas empresas de tecnoloxía ata 2001, cando se incorporou a Reganosa como xefe de Planificación e Control de Xestión. En marzo de 2012 foi nomeado director xeral da compañía, cargo que desde finais de 2017 ocupa tamén na matriz do grupo enerxético galego: Reganosa Holdco.   

 


  

 Margarita Hermo Figueira, con formación en Relacións Públicas e en Ciencias Políticas, así como en xestión de empresas familiares (EAE Business School, Instituto de Empresa, entre outros), ten colaborado con diferentes entidades públicas e privadas vencelladas ao desenvolvemento social e económico da Ría de Arousa. En 2003 incorpórase ao departamento de marketing da conserveira Jealsa Rianxeira, S.A o que a leva a colaborar e finalmente dirixir a Asociación Gallega da Empresa Familiar ata a actualidade, cargo que compaxina coa dirección de Relacións Institucionais da Corporación Empresarial Jealsa. 

 


 

 Ángel González Calvo, enxeñeiro técnico industrial autor de numerosos proxectos de empresas industriais, funcionario de carreira e fundador e CEO de SETGA dende 1990. SETGA, con sede en Pontevedra, é unha compañía internacional baseada na innovación e no alto valor tecnolóxico, especializada en iluminación, sinalización e mobiliario urbano. Combina a súa experiencia co deseño, luminotecnia e electrónica, conta con presenza en 15 países e está a desenvolver ata 27 proxectos de I+D.      

 A actividade será gravada e estará dispoñible no repositorio de contidos da web do evento, onde é posible consultar información todas as sesión en liña celebradas e moita outra información de interese para os novos emprendementos. O Pont-Up Exprés é unha iniciativa promovida pola Concellaría de Promoción Económica e Turismo do Concello de Pontevedra que forma parte do programa xeral do Pont Up Store.

Ningún comentario:

Publicar un comentario