A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA PRESENTA O PROGRAMA PLURIANUAL DE MEMORIA HISTÓRICA ‘O PASADO POR VIR’ PARA REIVINDICAR AS IDEAS VIXENTES ANTES DO GOLPE DO 36
A deputada María Ortega considera necesario recoñecer a herdanza dunha xeración “irrepetíbel” a nivel empresarial, político, cultural e sociale vencellala co presente “para cumprir o proxectado”
O departamento provincial desenvolverá un amploabano de actividades investigación e de divulgación:xornadas, audiovisuais, performances, exposicións, publicacións e unidades didácticas
A Deputación de Pontevedra presentou hoxe o programa plurianual ‘O Pasado Por Vir’ que desenvolverá o departamento de Memoria Histórica
Infogauda / Pontevedra
A Deputación de Pontevedra presentou hoxe o programa plurianual ‘O Pasado Por Vir’ que desenvolverá o departamento de Memoria Histórica ao longo de todo o mandato co obxectivo de reivindicar as ideas transformadoras que estaban vixentes antes do golpe de estado do 1936. Para iso, desenvolverase dende este mes, tradicionalmente vencellado á Memoria, e de forma continua, un amplo abano de actividades tanto de investigación como de divulgación: xornadas, audiovisuais, performances, exposicións, publicacións e unidades didácticas.
Segundo a deputada María Ortega, o programa pretende recoñecer a herdanza dunha xeración “única e irrepetíbel” a nivel empresarial, político, cultural e social, e transmitir a idea de que coa guerra e a ditadura, “aínda que arrasaran cos proxectos e mesmo aniquilasen as persoas, as súas ideas e o seu legado segue vivo e debemos coidar e celebrar a herdanza que nos deixaron. Somos o porvir daquel tempo, o froito da semente que deixaron e temos que traballar para cumprir o proxectado”, subliñou.
Neste sentido, subliñou que se desenvolverán actividades de investigación e divulgación sempre con perspectiva de país, clase e xénero. Entre outras, abordaranse as ambiciosas transformacións políticas, socioeconómicas e culturais que se produciron en Galiza, entre 1900 e 1936, con especial referencia á provincia de Pontevedra; a contribución da Deputación de Pontevedra a estas transformacións (coa inauguración do Museo e a súa implicación no traslado á cidade da Misión Biolóxica e a creación da Caixa de Aforros); así como os principais fitos históricos como a fundación no 36 do Laboratorio Miguel Servet, antecedente de Zeltia, con Bóveda de promotor, a fundación do Partido Galeguista en Pontevedra 1931, ou a campaña do Estatuto, con artistas implicados Castelao, Maside e Díaz Baliño, entre outros fitos.
Outro eixo do programa será o protagonismo das mulleres, tanto pioneiras como de perfil obreiro, no novo tempo e os avances en materia de dereitos e liberdades que se estaban a acadar e que o franquismo destruíu, poñendo como exemplo divulgar a valguesa Carme Sierra, primeira das poucas socias que tivo o Seminario de Estudos Galegos, ou Olimpia Valencia, a primeira galega médica
Tamén salientou o cambio que esas mudanzas transformadoras provocaron no ámbito local e comarcal, estudando e poñendo en valor as iniciativas de cada zona: Falar no Morrazo do Ateneo Cultural de Beluso ou da Fraternidade Mariñeira de Moaña; en Vigo, da Unión de Mulleres Antifascistas ou do agromar xornalístico; no Baixo Miño dos Mártires de Sobredo e o agrarismo, no Val Miñor do proxecto pedagóxico que supuxo a escola Aurora del Porvenir.
Ortega subliñou que o concepto de ‘O pasado por vir’ pretende investigar as vidas de persoeiros irrepetibles e divulgalas, sobre todo de cara á poboación máis nova, e establecer o vínculo entre aquel tempo de esperanza -sobre todo a primavera republicana- e o presente. Salientou que se trata dun programa inconformista co discurso preestablecido e que fomenta a loita contra calquera tipo de convivencia co fascismo e a loita contra a impunidade que hoxe en día segue ferindo á memoria das vítimas e os sentimentos das súas familias. Así mesmo, destacou que é preciso “falar das consecuencias na democracia que tiveron os pactos asinados baixo a herdanza do ditador”.
Ortega insistiu nas negativas repercusións que tivo para o conxunto da sociedade a brutal represión iniciada tras o golpe de Estado do 36, e a perda de oportunidades que supuxo para as xeracións seguintes, incluída a actual, xa que de non terse esnaquizado as iniciativas empresariais, as políticas transformadoras e os emerxentes movementos sociais e culturais, a situación hoxendía sería ben distintas.
Actividades
O departamento de Memoria Histórica ten en marcha unha ampla programación de iniciativas a curto, medio e longo prazo. A deputada destacou que nestes momentos estanse a recompilar artigos de investigadores e investigadoras como Marcelino Abuín, Dionisio Pereira, Carlos Francisco Velasco Souto, Raúl Soutelo Vázquez, Margarita Romero Lorenzo, Valentín Bóveda, Ricardo Gurriarán, Mª Carmen Vidal Lage, Manuel Igrexas Rodríguez, ou Mª Victoria Martins Rodríguez, que analizan dende diferentes perspectivas as iniciativas que se estaban a poñer en marcha no primeiro terzo do século XX desde o eido económico, probabelmente o máis descoñecido, a política, os movementos sociais, a cultura, e o ensino.
A idea é recompilar ano a ano os estudos que xa existen no ámbito provincial e partir deles para ir avanzando na recuperación da memoria daquel tempo. Todo este traballo será recollido e divulgado de diferentes maneiras e con diferentes formatos, xa que se subirán á nova web do Departamento de Memoria, agora en construción, e editaranse nunha publicación nos próximos meses.Tamén se porán a disposición dos concellos e asociacións charlas e encontros coas persoas investigadoras.
Por outra banda, seguiranse a celebrar anualmente as ‘Xornadas contra a impunidade’, que xa se celebraron en dúas edicións, a primeira para acompañar ás familias Caamaño, Paz e Bóveda na presentación da querela Arxentina, e a segunda centrada en poñer de relevo un discurso alternativo da Transición, crítico e diferente ao establecido. De cara ás vindeiras semanas estaba previsto celebrar o 28 de novembro unhas Xornadas de traballo co colectivo memorialista baixo o título ‘Galiza ten memoria: políticas públicas’ nas que abrir debate entre as asociaciónse os tres grupos parlamentares galegos co fin de poñer sobre a mesa necesidades e iniciativas de cada partido.
No abano de posibilidades de actuacións, abondarase en formatos non habituais para os temas de Memoria Histórica como os audiovisuais, estando en gravación nestes momentos varias pezas que se agarda teñan grande acollida entre a cidadanía. Tamén se apostará polas performances, recreando situacións e fitos históricos tanto previos ao golpe de Estado como posteriores, que percorrerán toda a provincia.
Finalmente, tamén se traballará na realización de actividades para a mocidade e a infancia, como as anunciadas recentemente en colaboración coa escola de banda deseñada ‘O Garaxe Hermético’, pola que diferentes autores realizarán un libro sobre a memoria e a Illa de San Simón; así como o Premio de Microteatro en colaboración coa ESAD, coa que hoxe se asinou un acordo de colaboración e para o que as bases estarán a disposición dende mañá na web depo.gal. Para a infancia crearanse unidades didácticas e exposicións itinerantes que servirán como material de apoio para o profesorado que decida abordar a Memoria Histórica dentro da aula.
Ningún comentario:
Publicar un comentario