“ALDEAS CON HORIZONTE”
MANIFESTO POLA MORATORIA DE NOVOS PARQUES EÓLICOS E POR UN NOVO MODELO DE DESENVOLVEMENTO EÓLICO PARA GALIZA
Galiza
estase vendo sometida a un proceso de intensificación eólica sen precedentes,
que resulta demoledor para o medio rural e os habitantes. O actual modelo de
implantación da enerxía eólica en Galiza segue tendo como referencia principal
un marco normativo e institucional desfasado, de finais dos anos 90, que
favorece ao grande oligopolio enerxético fronte os dereitos das comunidades
locais afectadas e o interese colectivo. Unha normativa reforzada desde 2017
pola Lei galega de fomento da implantación de iniciativas empresariais (“Lei de
Depredación”) que permite axilizar a tramitación e posta en marcha dos novos
proxectos eólicos restrinxindo a participación pública e outorgándolle ás
empresas dereitos de usurpación das terras.
Malia
a superarmos os 100 concellos con parques eólicos, ter máis de 4000
aeroxeradores instalados nos nosos montes e representar case o 15% de toda a
potencia eólica instalada no Estado (aínda que Galiza só representa o 5,8% da
superficie estatal), o pobo galego parece condenado a seguir producindo enerxía
eólica de forma irracional e ata o infinito, sen ter en conta as necesidades da
poboación, ou o seu impacto sobre os espazos naturais, a paisaxe, o patrimonio
cultural, as economías locais ou a calidade de vida das persoas e comunidades
que viven no rural. A día de hoxe, a media de produción eólica en Galiza é de
115 kW/km2, fronte os 46 kw/Km2 do Estado español, ou os 72 kW/km2 de Alemaña.
A perpetuación dun modelo de desenvolvemento eólico obsoleto, colonial,
insostíbel e cada vez máis antisocial constitúe unha nova ameaza e unha
motivación máis para abandonar o rural que, nos últimos 30 anos xa perdeu 2000
núcleos de poboación. Os parques eólicos que se están a aprobar nesta segunda
enxurrada de proxectos están a deixar as aldeas galegas sen horizonte. Ademais
de destruír a súa paisaxe, comprometen o seu futuro, fomentan o seu
empobrecemento e deprecian os seus bens materiais, culturais e ambientais.
Desde finais de 2019, o goberno galego e español tramitan en conxunto uns 75 megaparques eólicos, que se suman aos 180 xa en explotación, e que serán aprobados pola vía da urxencia e sen couto, coa idea de acadar os 5000 MW de potencia instalada en 2020. Porén a cobiza do lobby enerxético en Galiza non ten límite e pretende ata 2030 duplicar a potencia instalada, ampliando as áreas de expansión eólica a vales, zonas húmidas, agras, primeira liña de costa e, incluso, preto dos núcleos de poboación, a carón das nosas casas. Fronte a este novo atropelo ambiental e social, xa somos numerosas as plataformas e colectivos que nos alzamos na reclama da derrogación do marco normativo eólico que favorece este modelo depredador co rural galego e que se concreta na Lei 8/2009 de aproveitamento eólico de Galiza, no Plan Sectorial Eólico aprobado en 1997 e modificado en 2001, e na Lei 5/2017 de fomento da implantación de iniciativas empresariais. Así mesmo, reclamamos a elaboración en Galiza dun novo marco normativo que promova un modelo de desenvolvemento eólico máis social, ecolóxico e racional, que protexa o territorio e as comunidades rurais de proxectos eólicos abusivos e insostíbeis.
E mentres que o goberno galego non derrogue a normativa citada e non deseñe un novo marco regulamentario en materia de desenvolvemento eólico para Galiza, as entidades e organizacións que asinan este manifesto reclaman a urxente moratoria de novos proxectos eólicos no territorio galego e a revisión daqueles aprobados que xeren conflitos sociais e/ou ambientais.
O novo marco normativo debería fundamentarse, cando
menos, nos seguintes 15 PRINCIPIOS:
- Planeamento
eólico para a unha transición ecolóxica ordenada e xusta. Tal e como está
concibida, a implantación masiva de parques eólicos en Galiza non está
respondendo a un proceso ordenado e planificado de transición ecolóxica e
carece de estratexia de cara a acadar a descarbonización da economía
galega e reducir a dependencia de Galiza das enerxías fósiles. O actual
proceso utiliza a transición ecolóxica como instrumento de “lavado verde”
das espurias intencións das compañías eléctricas, que non son outras que
engordar os seus beneficios e conquistar para o seu particular beneficio
gran parte do noso territorio. A falta dun plan eólico enmarcado na
transición ecolóxica está a permitir ademais que as grandes industrias
contaminantes de Galiza se reconvertan ao negocio eólico sen ter reparado
previamente a súa débeda ecolóxica nin ofrecer alternativas ao impacto
social xerado.
- Democratización
e soberanía enerxética. O modelo vixente de
implantación eólica é colonial e antidemocrático, concentra todos os
dereitos de produción e distribución da enerxía en mans dunhas poucas e
grandes empresas (oligopolio enerxético), que se benefician da ausencia
dunha ordenación territorial e duns gobernos centralistas e tecnócratas,
que impiden a participación da cidadanía na toma de decisións, no deseño e
planificación, no acceso e reparto dun ben esencial para a vida, como é a
enerxía. As persoas
titulares das terras e a sociedade galega no seu
conxunto deben ter unha participación activa na gobernanza deste recurso
colectivo, que atenda a criterios de sustentabilidade, distribución
equitativa e accesibilidade á enerxía.
- Aforro,
eficiencia e autosuficiencia enerxética. Fronte á
produción ilimitada de enerxía eólica, o uso e explotación do recurso
enerxético de Galiza debe sustentarse fundamentalmente en criterios de
aforro, eficiencia e autosuficiencia enerxética, de xeito que a
adxudicación de megavatios non dependa só da dispoñibilidade do recurso ou
do rédito económico para as empresas, senón das necesidades de acceso á
enerxía por parte da poboación e da posta en marcha de plans de aforro e
eficiencia enerxética nos distintos sectores económicos e sociais do país.
Así mesmo, as subvencións públicas á enerxía eólica deben primar os
proxectos de aforro, eficiencia e autosuficiencia enerxética fronte
aqueles que só procuren obxectivos de produción e non revertan en
beneficio social. Paralelamente,
deberíanse impulsar mecanismos de penalización do consumo
electrointensivo.
- Repotenciamento fronte
novas instalacións. Completando
o punto anterior, a repotenciación dos parques eólicos existentes debe
prevalecer sobre a autorización de novos proxectos eólicos.
- Fomento do
autoconsumo e a produción a pequena escala. Para
superar o reto climático e acadar a democratización, soberanía e
autosuficiencia enerxética, cómpre que a nova normativa eólica de Galiza
impulse e apoie decididamente proxectos de autoconsumo e de produción a
pequena escala (mini-eólica) que aproximen as distancias entre as fontes
xeradoras e consumidoras e contribúan a reducir drasticamente as emisións
contaminantes derivadas do transporte da enerxía e a discriminación entre
os diferentes territorios.
- Iniciativa pública e comunidades enerxéticas fronte a
privatización dos beneficios. Os
proxectos eólicos que se están a aprobar pola Xunta de Galiza non deixan
ningún beneficio social nin económico nas comunidades rurais nas que se
asentan. Para superar esta eiva, cómpre apostar por proxectos de
desenvolvemento eólico de iniciativa pública, destinados a garantir o
acceso á enerxía da sociedade civil e a xestionar de forma racional e
equitativa, e baixo criterios de sustentabilidade e xustiza social, o
recurso enerxético. Ou ben, pular pola creación de comunidades enerxéticas
locais que primen os obxectivos sociais e ambientais (infraestruturas
sanitarias, educativas, transporte colectivo...) sobre a rendibilidade
financeira dos proxectos e involucren á veciñanza afectada e a outros
actores sociais, como entidades sen ánimo de lucro, empresas, cooperativas
ou administracións públicas. As comunidades enerxéticas outorgan
empoderamento e un trato máis xusto ás poboacións rurais afectadas e
contribúen á economía local e a sociabilizar os beneficios dos proxectos
eólicos.
- Concesións
públicas fronte a autorizacións administrativas. Á
diferenza doutro tipo de aproveitamentos de recursos públicos e
renovables, como no caso da enerxía hidroeléctrica, o dereito a explotar o
vento en Galiza réxese polo réxime de autorización administrativa e non
polo réxime de concesión pública. Isto implica que as compañías eléctricas
beneficiarias dunha autorización administrativa para o aproveitamento
eólico no noso territorio adquiren ese dereito para sempre, eliminando
calquera posibilidade presente ou futura de participación social no
desenvolvemento eólico do país. Consideramos, por tanto, que o dereito de
explotación do vento en Galiza, como recurso de carácter público, debe ser
outorgado a través de concesións administrativas con data de caducidade.
- A expropiación de terras como última opción. A coñecida como “Lei de Depredación” da Xunta de Núñez Feijóo
eliminou calquera atranco á expropiación de terras para o desenvolvemento
de proxectos eólicos, deixando a
veciñanza e as comunidades de montes
totalmente indefensas ante os privilexios de usurpación dos dereitos de
propiedade das compañías eléctricas. Os
parques eólicos son considerados por defecto de “utilidade pública”, malia
a ser todos eles de iniciativa privada, prevalecendo por riba de calquera
outro dereito. O novo marco normativo debe obrigar as empresas promotoras a demostrar coas suficientes
garantías o interese social e a utilidade pública dos seus proxectos para
poderen ser executados. Así mesmo, debe considerarse a expropiación como
última opción, tendo as empresas que xustificar diante da administración
pública por que non chegaron a acordo cos propietarios. En caso de
incompatibilidade coa actividade vocacional ou básica para a supervivencia
da comunidade rural afectada, deberá prevalecer esta sobre o dereito de
explotación do aproveitamento eólico. E, en caso de expropiación, deberá
terse en conta a depreciación de todos os bens afectados directa ou
indirectamente polo proxecto eólico, non só a superficie ocupada polos
aeroxeneradores, tendo que indemnizar a totalidade dos bens.
- Consulta pública real e efectiva. A Lei de depredación tamén permite tramitar os
expedientes de expropiación ao mesmo tempo que os proxectos empresariais e
alixeirar a tramitación administrativa dos expedientes reducindo os tempos
de consulta pública e os prazos de presentación de alegacións. Estas
circunstancias fan imposible que a consulta pública dos proxectos sexa
participativa, real e efectiva. Para acadala, o goberno galego debe
derrogar a “Lei de Depredación” e facilitar e favorecer o acceso á
información e a participación e consulta pública dos proxectos a través da
nova normativa sectorial para o aproveitamento eólico en Galiza.
- Penalizacións
contundentes contra da fragmentación dos proxectos. As administracións públicas fan a vista gorda a situacións de
evidente fraude de lei nas que as compañías eólicas promotoras fragmentan
os seus proxectos eólicos en proxectos máis pequenos para esquivar os
atrancos da avaliación de impacto ambiental. Esta práctica frecuentemente
recorrida para a implantación de parques eólicos en Galiza deberá ser
absolutamente abolida e contundentemente penalizada por parte da
Administración pública, de xeito que signifique a denegación automática do
proxecto e a prohibición de poder optar a novos dereitos de explotación.
Do mesmo xeito, as empresas eólicas deberán verse obrigadas a avaliar o
impacto ambiental acumulativo de todas as infraestruturas necesarias para
o desenvolvemento dos proxectos (parque eólico, liñas de evacuación,
camiños de acceso, subestacións, etc.) e dos efectos sinérxicos con outros proxectos próximos.
- Compatibilidade coa normativa vixente en materia
ambiental, patrimonial e da paisaxe. A actual normativa eólica non está adaptada nin é
compatible coa actual e vixente normativa relativa ao medio ambiente, ao
patrimonio cultural e á paisaxe. Ademais, está deseñada para uns proxectos eólicos con
tecnoloxías hoxe obsoletas, que nada teñen a ver coas características
técnicas dos parques que se están a implantar actualmente no país,
aeroxeradores de maior potencia e tamaño, e que exercen, por tanto,
maiores impactos no territorio.
- Novas zonas de exclusión e plan de eliminación
progresiva en Rede Natura. É
preciso ampliar as zonas de exclusión para parques eólicos, introducindo
novos criterios de incompatibilidade que vaian alén da súa pertenza á rede
de espazos naturais protexidos de Rede Natura 2000. As novas zonas de
exclusión deberían contemplar os hábitats que sexan
chave para loitar contra a mudanza climática e aqueles
espazos que teñan un especial interese ambiental, paisaxístico,
patrimonial, cultural, ou agropecuario.
Tamén se deben considerar como zonas de exclusión aqueles espazos
propostos para a ampliación da Rede Natura 2000, pendente desde hai 16
anos, e promover a elaboración dun Plan para a eliminación progresiva de
parques eólicos dos espazos de Rede Natura.
- Maiores distancias aos núcleos de poboación. O actual marco normativo permite a
instalación de aeroxeradores a 500 metros aos núcleos de poboación,
independentemente das súas características técnicas e dimensións. A
colocación de muíños eólicos de grande potencia e máis de 150 metros de altura a carón das casas implica
un importante risco para a seguridade e integridade das persoas e un
impacto acústico e paisaxístico inasumible para vivir dignamente. Da
mesma forma, deberían establecerse distancias mínimas de seguridade aos
núcleos de poboación de todas as demais infraestruturas incluídas nos
proxectos eólicos.
- Asesoramento e mediación regrada fronte contratos abusivos. A forma na que se pechan contratos de aluguer ou acordos de expropiación con particulares e comunidades de montes polo uso das terras é opaca e ofrece a miúdo cláusulas abusivas, que deixan as poboacións locais nunha situación de total indefensión. Fronte isto, a administración pública debe promover mecanismos ou servizos de asesoramento e mediación para que as negociacións entre os particulares ou comunidades rurais e as empresas eléctricas sexan xustas e equilibradas, e eviten a sinatura de contratos abusivos.
- Exclusión de empresas de dubidosa reputación. Quedarán excluídas de participar en calquera
proxecto eólico as empresas cuxa reputación sexa eticamente reprobable,
por atentar contra os dereitos humanos ou ser causantes de conflitos
sociais e ambientais neste ou noutros países. Tamén quedarán excluídas
aquelas empresas que conten no seu cadro de persoal ou de accionistas
persoas que ostenten ou teñan ostentado cargos públicos ou de
representación política que puidesen ter influído, directa ou
indirectamente, no beneficio particular das devanditas empresas.
Galiza, a 19 de Novembro de 2020.
Asinan este manifesto:
- Amarelante Sociedade Cooperativa
- Amigos da Terra
- Asociación de Amigos do Patrimonio de Castroverde
- Asociación Cultural e Ecolóxica Ridimoas
- Asociación Cultural Libre de Paderne Roxín Roxal
- Asociación Cultural Movemento Oia
- Asociación de Custodia do Territorio Verdeval (Gondomar)
- Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza - ADEGA
- Asociación pola Defensa da Ría - APDR
- Asociación Galega Cova Crea
- Asociación Galega de Custodia do Territorio - AGCT
- Asociación Ouriol de Anllóns
- Asociación Parques Eólicos Outes-Mazaricos - APEOM
- Asociación Petón do Lobo
- Asociación Rebinxe
- Asociación Salvemos Cabana
- Asociación Veciñal do Saviñao
- Asociación veciñal, cultural, deportiva e recreativa do barrio da Agra do Orzán "AGRA"
- Asociación de Veciños O Chedeiro de Cerponzóns (Pontevedra)
- Asociación Víctimas de la Justicia
- Colectivo Agrocuir da Ulloa
- Co-mando Ghichas
- Comité de Defensa das Rías Altas
- Coordinadora para o Estudo de Mamíferos Mariños - CEMMA
- Cousa de Raíces
- C.S. Mádia Leva
- Ecoloxistas en Acción Galiza
- Federación Rural Galega - FRUGA
- Fundación Eira
- Fundação Montescola
- Grupo de Estudo dos Animais Salvaxes - GEAS
- Grupo Lobo
- Grupo Naturalista Hábitat
- Lugo de Cara ao Miño
- Mancomunidade de Montes do Val Miñor
- Mariña Patrimonio
- Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común - ORGACCMM
- Plataforma Quijote de Outes
- Plataforma na Defensa do Monte Neme
- Plataforma Galega para a Defensa Animal e da Natureza
- Plataforma pola Convivencia Ética coa Fauna - Con-Ética
- Plataforma por la Defensa de la Cordillera Cantábrica - PDCC
- Plataforma pola Protección da Serra do Galiñeiro
- Plataforma Non Eólicos Bustelo, Campelo e Monte Toural
- Quercus Sonora
- Rede Galega por un Rural Vivo - RGRV
- A Rente do Chan - PLADEVER
- Salvemos Catasós
- Salvemos a Comarca de Ordes
- Salvemos O Iribio
- Salvemos O Támega
- Senda Nova
- Sindicato Labrego Galego - SLG
- Sociedade Galega de Ornitoloxía - SGO
- Terra Chá Sostible
- Verdegaia
- Véspera de Nada
Ningún comentario:
Publicar un comentario