O Equipo de Goberno Municipal levará a pleno a ordenanza que regulará o servizo de préstamo de biotrituradoras
A sesión plenaria ordinaria celebrarase o vindeiro xoves 26 de novembro ás 08.30 horas, na Casa do Concello
Infogauda / O Rosal
A Corporación Municipal do Concelo do Rosal aprobará este xoves 26 de novembro en pleno, o regulamento de préstamo de biotrituradoras, normativa que rexerá un servizo que o Concello porá en marcha en vindeiras datas ao abeiro da subvención para o fomento da compostaxe in situ outorgada pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020. “O obxectivo é poñer a disposición da veciñanza un servizo gratuíto co que fomentar unha correcta xestión dos residuos de orixe vexetal xerados no ámbito municipal, animando a todas as persoas a triturar os seus propios restos vexetais”, explica a concelleira de Medio Ambiente, Sara Vicente Salcidos.
Tendo en conta que nos concellos máis rurais os residuos de orixe vexetal supoñen ata un 10% do lixo domiciliario e que no Rosal estímase que se xeran unhas 230 toneladas anuais, con este servizo evitarase que este tipo de residuos rematen no circuíto de recollida do lixo, con conseguinte custe asociado por danos materiais e pola xestión. Ademais, permitirá reducir o número de queimas, minimizando os riscos de incendio e contaminación ambiental, e servirá para obter un produto de valor engadido para o programa de compostaxe do Concello, xa que os restos de poda triturados poderán ser empregados como estruturante ou material de acolchado para hortas e xardíns.
Este regulamento permitirá ao concello establecer as normas básicas de uso das trituradoras, así como os deberes e dereitos de todas as persoas usuarias. Poderán ser solicitadas por veciños e veciñas residentes no Rosal, que só precisarán darse de alta no servizo e dispoñer dun vehículo para ir a recoller a maquinaria, que poderá usarse durante unha semana. Para garantir o seu correcto uso, no momento do préstamo ofrecerase ao usuario ou usuaria unha explicación do funcionamento da biotrituradora.
As biotrituradoras deberán ser solicitadas polas canles establecidas polo Concello polo menos cun día de antelación e comunicando o día e hora no que se efectuará a recollida da maquinaria. O servizo estará aberto ao público de luns a venres de 09.00 a 14.00 horas. As datas ou horarios de préstamo poderán ser modificadas polo Concello en función da dispoñibilidade das biotrituradoras.
Ningún comentario:
Publicar un comentario