18 de nov. de 2020

O BAIXO MIÑO

A Xunta de Galicia adxudica un estudo acústico no treito Goián-A Guarda da vía de altas prestacións do Baixo Miño para avaliar a implantación de medidas correctoras  

Os traballos foron adxudicados por un importe de máis de 7.000 euros e prevese telos rematados este mesmo ano  

Determinarase a idoneidade de repoñer as pantallas acústicas instaladas na fase de execución desta vía que, tras desprenderse varios módulos, foron retiradas por motivos de seguridade viaria  

Modelizarase a estrada e identificaranse elementos singulares da mesma e as edificacións situadas na súa contorna, clasificándose segundo os usos que se diferencian na normativa en materia de ruído  

Obteranse os niveis sonoros e compararanse cos obxectivos de aplicación a cada zona, o que permitirá programar a execución de medidas naquelas que os superen 

Infogauda / O Baixo Miño

 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar a elaboración dun estudo acústico na Vía de Altas Prestacións do Baixo Miño, CG-4.2, entre Goián e A Guarda, para avaliar a implantación de medidas correctoras.

 Este estudo foi adxudicado á consultora Sincosur Ingenieria Sostenible, S.L por un importe de máis de 7.000 euros e prevese telo rematado este mesmo ano.

 O obxecto deste servizo é determinar a idoneidade de repoñer as pantallas acústicas que se colocaron na fase de execución nesta vía autonómica que, tras desprenderse varios módulos, foron retiradas por motivos de seguridade viaria.

 No marco deste contrato modelizarase a estrada e identificaranse elementos singulares da mesma e as edificacións situadas na súa contorna, clasificándose segundo os usos que se diferencian na normativa en materia de ruído.

Os traballos permitirán avaliar o ruído de tráfico de acordo coa normativa técnica vixente. Deste xeito, obteranse os niveis sonoros e compararanse cos obxectivos de calidade acústica de aplicación en cada zona do ámbito de estudo, delimitándose as zonas onde se superen os obxectivos de calidade acústica.

Nas zonas onde se superen estes obxectivos de calidade acústica, proporanse e definiranse as medidas correctoras que sexan necesarias e incorporaranse ao modelo acústico xerado anteriormente para avaliar a súa efectividade mediante unha nova simulación e obtendo como resultado uns novos niveis de emisión.

 Tras a finalización do estudo, o departamento de Infraestruturas da Xunta programará a execución das medidas derivadas do mesmo.

1 comentario:

  1. Hola. Sun Benito Guerreiro. Un dos veciños do Rosal afectados polo ruido do VAC ó seu paso por Pías. Hoxe pola mañán chamei a Xunta para saber cuando iban a vir a instalar os aparatos de medición. A resposta por parte da funcionaria encargada deste tema foi que non van a instalar ningún sistema de medición acústica. Simplemente se fai unha inspección ocular, que se fixo o sábado pasado pola mañán, veu unha persona da empresa e sacou unhas fotos e ahora a empresa que vai a faer o traballo faerá un estudio en base a documentación que lle aporte a Xunta. E cos resultados que veñan no informe, a Xunta decidirá se ten que faer algunha corrección ou no. Nos xa pedíramos presuposto a unha empresa, e faer unha medición acústica durante 3 días, para que colla días de semana e fin de semana, e logo faer unha simulación para ver que medidas hai que tomar, custa muito máis que 7.000,00 €. E a Xunta non está por gastar diñerio nin en medir o nivel de ruído, nin por suposto en faer as correccións necesarias. Nos antes vivíamos nun espacio precioso, en silencio e poderíamos seguir vivindo en silencio, se hubese voluntá de faer as cousas ben, pero non interesa. O VAC é unha obra mal diseñada e mal ejecutada, gastando o mínimo posible e abrindo ó valle do Rosal en canal. E a este punto de que gasten 7.000,00 € en faer un informe, chegamos despois de máis de 2 anos presionando. E bueno, se non miden o que hai, non van a conocer a realidade, que para conocela, non tiñan nin que medir, solo con que se dignasen a vir a dar un paseo, xa se poden faer unha idea da realidade. Porque os problemas que nos causa o vial non solo é o ruído, cortaron a agua dos manantiais, o sistema de alcantarillado, en algúns sitios, funciona de pena... en fin, é o que hai.

    ResponderEliminar