18 de nov. de 2020

CULTURA

O Fondo Xacobeo 2021 levou ao Museo do Pobo 'A incrible historia do galego Cristovo Colón'  

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou na charla divulgativa do escritor Rodrigo Costoya sobre a orixe do descubridor de América 

Infogauda / Santiago de Compostela

  O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou onte na charla-coloquio A incrible historia do galego Cristovo Colón de Poio a Baiona, celebrada no compostelán Museo do Pobo Galego. Impartida polo escritor Rodrigo Costoya Santos, autor da novela histórica Portosanto, o relatorio forma parte do proxecto do mesmo título pertencente ao Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021 creado pola Xunta de Galicia.

 Na súa intervención, Valentín García explicou que o Fondo Xacobeo 2021 “está tendo un papel moi relevante en que a cultura en galego siga chegando, presencialmente ou a través de internet, a todos os recunchos de Galicia en tempos de pandemia”. Ao mesmo tempo, o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade agradeceu “o esforzo de todos os traballadores do ámbito cultural por presentar e levar adiante novas iniciativas sen que o seu ánimo decaia”.

 A conferencia forma parte dunha iniciativa pertencente ao Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021 que inclúe outras sete charlas-coloquio (cinco delas xa celebradas en Pontevedra, Poio, Vigo, Ribadavia e A Coruña e dúas por celebrar en Baiona, a onde chegará o vindeiro 26 de novembro, e en Brión, prevista para o 11 de decembro), así como a emisión en liña dun destes relatorios e a distribución de exemplares da novela Portosanto.

 O Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021 é un repositorio de contidos creativos de interese cultural en lingua galega creado pola Xunta de Galicia no marco do Plan de reactivación do sector cultural fronte aos efectos derivados da covid-19. O devandito repositorio, integrado por contidos tanto virtuais coma presenciais, así como por outros servizos de materiais e produción, persegue os obxectivos de dinamizar a lingua propia de Galicia, inxectar fondos e apoiar artistas, creadores e empresas do eido cultural no contexto da crise da covid-19 e abrir unha vía para a continuidade, viabilidade e visibilidade da oferta e do consumo de propostas lingüísticas e culturais.

Ningún comentario:

Publicar un comentario