30 de nov. de 2020

MEIS (PONTEVEDRA)

O Caan da Deputación de Pontevedra segue a batir récords e supera xa as 500 adopcións neste 2020  

A maior concienciación da sociedade sobre benestar animal e as continuas campañas para a adopción e contra o abandono, así como de visibilización dos animais, explican unhas cifras "espectaculares" que desde 2015 supoñen 2.500 cans e cadelas adoptadas 

 

A presidenta da Deputación de Pontevedra con persoal do Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) da Deputación de Pontevedra

 

Infogauda / Meis (Pontevedra)

  O Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) da Deputación de Pontevedra segue a ter un 2020 de récord. Se a finais do pasado outubro lograba bater a súa marca histórica de adopcións anuais, que estaba en 466 animais, esta mesma semana as instalacións da Armenteira xa lograron superar os 500 cans e cadelas adoptados que a institución se marcara como novo obxectivo para todo o ano. Concretamente, son xa 514 os animais que desde xaneiro atoparon un novo fogar.

  As espectaculares cifras que amosa o centro de Meis cobran aínda máis relevancia tendo en conta que os procesos de adopción estiveron suspendidos entre o 14 de marzo e o 11 de maio polo confinamento derivado da pandemia da Covid. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, quixo destacar estes datos cando aínda queda un mes para que remate o 2020 e subliñou que "a maior concienciación da sociedade sobre benestar animal e as continuas campañas para a adopción e contra o abandono, e de visibilización dos animais explican este aumento. Desde 2015 levamos xa preto de 2.500 animais adoptados non só na provincia, senón noutros lugares de Galicia, do Estado e incluso do estranxeiro, especialmente Portugal".

  Esta boa nova únese tamén ao menor número de recollidas nos concellos adheridos ao servizo no que vai deste 2020 e que se sitúan en 1.052, cando o ano pasado foron un total de 1.332. Hai que matizar, amais, que da citada cifra a metade dos animais foron recuperados polos seus propietarios e propietarias, concretamente 308 cans e cadelas foron recollidos no mesmo lugar do aviso da súa aparición, e outros 205 nas propias instalacións do CAAN.

  O centro de acollida presta servizo a 50 concellos da provincia. Hai que lembrar que as adopcións son gratuítas e o persoal sempre asesora ás persoas interesadas sobre o can ou cadela que pode adaptarse mellor ás súas necesidades. Tanto para visitar o centro como para formalizar as adopcións hai que solicitar cita previa no teléfono 986 140 360.

Ningún comentario:

Publicar un comentario