26 de nov. de 2020

LABORAL

Acusan a Pescanova de complicidade cun caso de abuso sexual a unha traballadora do Centro Industrial do Porriño 

A CIG afirma que a compañía incumpriu o protocolo, revelou a identidade da afectada, cambiouna de quenda e aplicoulle unha sanción

 

                 Comparecentes na rolda de prensa celebrada na mañá de hoxe na sede da CIG de Vigo

 

Infogauda / Vigo

 A CIG acusa a dirección de Nueva Pescanova de complicidade activa nun caso de abuso sexual a unha traballadora do Centro Industrial do Porriño por parte dun mando intermedio e de crear coa súa actitude un caldo de cultivo para que este tipo de comportamentos queden impunes dentro da empresa. Segundo denuncian dende a central, a compañía incumpriu o protocolo de actuación en materia de acoso, cambiouna de quenda de traballo en contra da súa vontade e mesmo chegou a sancionala por supostamente ter dificultado a investigación interna. 

 Este caso de acoso sexual e tamén laboral -xa que o cambio de quenda teríase producido en represalia á denuncia da afectada- foi feito público hoxe en rolda de prensa por parte do secretario comarcal da FGAMT-CIG de Vigo, Suso García, e pola técnica de Igualdade, Ester Mariño, que compareceron acompañados do presidente do comité do Centro Industrial do Porriño, pola presidenta do comité de Pescanova España (con sede en Chapela) e por delegados/as da CIG nos comités das dúas empresas do grupo Nueva Pescanova. 

 García comezou a súa intervención denunciando este novo “atropelo” contra os dereitos das persoas traballadoras, “un dos moitos que se cometen no grupo Nueva Pescanova”. Explicou que en febreiro deste ano o presidente do comité de empresa do Centro Industrial do Porriño, da CIG, tivo coñecemento, a través da propia afectada, de que se estaba a producir un caso de acoso sexual na empresa. A continuación, xunto cun delegado da CIG e outro de CCOO diríxese ao presunto responsábel do acoso -un xefe de liña do departamento de produción- para comentarlle que veñen de recibir a queixa da traballadora. “A súa resposta foi que xa sabía de quen estaban a falar, e que se tiña algo que denunciar que o fixese”, indicou. 

 Dous días despois a traballadora é cambiada de quenda contra a súa propia vontade, algo que o presidente do comité considera acoso laboral, xa que entende que é consecuencia directa de que tivese denunciado o acoso sexual. Así que xunto cun delegado de CCOO e outro da UGT dirixiuse á xefa de recursos humanos e ao xefe de fabricación para trasladarlles esta sospeita, “pero a empresa actúa de xeito prevaricador dicindo que deixasen a cousa como está e nin sequera se puxo en contacto coa afectada”. 

 Mais 15 días despois a compañía comunícalle por escrito á traballadora o cambio de quenda, tras o que o presidente do comité presenta unha denuncia diante da Inspección de Traballo por acoso laboral ao entender que se trata dunha represalia. Neste senso, lembra que Pescanova traballa moito con ETT e se hai necesidade de persoal nunha determinada quenda o que fai é trasladar persoal eventual, nunca persoal fixo, algo que non respectou nesta ocasión. 

Revelación de datos confidenciais 

 A finais de marzo a traballadora decide presentar denuncia por acoso sexual diante do comité, que procedeu a trasladarlla á dirección da empresa. A partir de entón prodúcense unha serie de incumprimentos “moi graves” do protocolo de acoso vixente na empresa, aínda que as irregularidades comezaran no mesmo momento en que a directora de recursos humanos, que fai parte da comisión de Igualdade que asinou o protocolo, soubo do acoso e non actuou, tal e como establece que ten que facer a empresa nada máis ter coñecemento dun caso. “Isto converte a Pescanova en cómplice do acoso, en suxeito activo por omisión”, sinala a técnica de Igualdade da CIG-Vigo. 

 Pero a actuación neglixente da empresa vai aínda máis alá, até o punto de que envía un escrito á comisión de Igualdade na que figura o nome da traballadora denunciante e do presidente do comité, “un feito gravísimo que vulnera o dereito á intimidade e á protección de datos e que está expresamente prohibido no protocolo”, incide Mariño. Pero curiosamente o nome do presunto acosador non se fai público. A partir de entón todo o cadro de persoal coñece o caso e a identidade da afectada. 

 Neste contexto, a traballadora designa as instrutoras da CIG dentro do comité de Igualdade e comeza a tramitación do expediente, “que estivo chea de incumprimentos e de irregularidades, comezando polo prazo para resolvelo, que é de 45 días como máximo, pero a empresa estivo enredando e dilatando o proceso dende o comezo”. Finalmente, o pasado 19 de novembro, case un ano despois, resólvese a causa co arquivo do expediente aberto na comisión de acoso e cunha sanción á traballadora por supostamente entorpecer o proceso, “que foi precisamente o que fixo a empresa”. 

 Ademais, durante a tramitación do expediente sucedeu outra cousa gravísima: dúas testemuñas da traballadora manifestaron non sentirse protexidas pola cita que se lles deu para declarar porque lle tiñan que pedir permiso para saír do seu posto ao propio denunciado e reclamaron poder facelo fóra do seu horario laboral “foron ameazadas con sancións no caso de que non se presentasen a declarar”. 

Sanción á traballadora 

 Tras todos estes incumprimentos a CIG decidiu apartarse da tramitación do expediente, “e agora atopámonos con esta resolución na que acusan a traballadora de incorrer nunha sanción moi grave por supostamente ter obstruído sistematicamente o proceso, pero que ao final queda nunha amoestación por escrito;o que fan é ameazala con que pode ser unha falta moi grave, pero que só a amoestan”. Diante disto, anuncian que a CIG vai recorrer a decisión e a desenvolver todas as accións necesarias, tanto de mobilización social como pola vía xudicial, para que a empresa asuma as súas responsabilidades “porque se trata de algo inadmisíbel”. 

 De feito, tal e como censurou Mariño, a propia afectada soubo polas súas compañeiras que toda a información referida á resolución coa que a sancionan e na que se sostén que é unha falta moi grave e que a poden despedir foi difundida a través dunha cadea de whatsapps. Considera que esta manobra fai parte dunha campaña interna contra ela coa que pretenden desprestixiala acusándoa de poñer trabas ao proceso. 

 “Esta é a historia dos nosos días: unha vez máis, unha persoa que padece dende hai moito tempo unha situación tan grave coma esta e decide dar o paso e denunciar ao final resulta que é ela a castigada baixo a acusación do que precisamente fai a empresa dende o comezo, que é torpedear a tramitación do expediente e incumprir o protocolo de acoso”, lamenta. 

 Neste punto, o secretario comarcal da FGAMT quixo deixar moi claro que a CIG non vai consentir este tipo de actuacións, que ademais remata, unha vez máis, “coa vítima dobremente criminalizada e que supón unha vulneración moi grave dos dereitos máis básicos”. 

Comentarios, insinuacións e tocamentos 

 Para a técnica de Igualdade, a procedemento estivo claramente “viciado” dende o inicio e “intencionadamente mal utilizado en contra da propia traballadora afectada”. Unha actitude que para ela deixa en evidencia a nula preocupación e sensibilidade que ten Pescanova cara a este tipo de actuacións constitutivas de acoso sexual, “como son comportamentos baseados en comentarios de carácter sexual, babosadas, insinuacións e mesmo tocamentos”. 

 Neste senso, asegurou que esta situación a padecen máis traballadoras nesta empresa, “e con este xeito de proceder de Pescanova o único que van a conseguir é que as afectadas sigan sufrindo en silencio e non se animen a denunciar”. 

 Por todo isto, está convencida de que a empresa asinou o protocolo para previr este tipo de situacións porque lle obriga a lei, pero coa súa actuación conseguiron totalmente o contrario: a partir de agora calquera traballadora que padeza acoso sexual o último que vai facer é denunciar. 

 “Non sei se a intención da empresa é protexer os acosadores e sancionar as vítimas, algo que tamén é violencia de xénero e fai parte do acoso; en consecuencia, os responsábeis da empresa son cómplices directos non só deste acoso senón de todos os que se produzan a partir e agora, porque xa non teñen un marco seguro para que as traballadores se sintan protexidas e poidan denunciar”. Finalmente, alerta de que o acontecido crea un caldo de cultivo para que este tipo de actuacións queden impunes dentro da empresa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario