Denuncian que Ambulancias do Atlántico traslada varios pacientes con covid no mesmo vehículo coa autorización do Sergas
A Lei de Transporte Sanitario prohibe que os doentes infecto contaxiosos viaxen en ambulancias colectivas
Infogauda / Vigo
A representación da CIG no comité de empresa de Ambulancias do Atlántico, concesionaria do servizo de transporte sanitario público non urxente da zona sur da provincia de Pontevedra, denuncia que “a compañía está a trasladar varios pacientes con covid no mesmo vehículo e lembran que a Lei de Transporte Sanitario de Galiza prohibe expresamente que os doentes con enfermidades infecto contaxiosas viaxen en ambulancias colectivas”.
Segundo sosteñen, “este tipo de traslados colectivos lévanse a cabo coa autorización do Sergas, e o último caso coñecido produciuse onte mesmo, cando catro doentes contaxiados por coronavirus viaxaron na mesma ambulancia durante a quenda especial nocturna de diálise creada polo Sergas para o traslado de persoas con covid”.
O persoal de Ambulancias do Atlántico supoñía que estes servizos terían que facerse tamén nos vehículos individuais nos que se trasladan os pacientes con covid, pero non foi así, polo que se está a incumprir a Lei de Transporte Sanitario de Galiza, que prohibe que persoas con enfermidades infecto contaxiosas viaxen en vehículos colectivos.
Ambulancias sen desinfectar
Ao mesmo tempo, dende a representación da CIG no comité reafírmanse na denuncia pública efectuada no día de onte a respecto de que a maior parte dos vehículos non pasan pola base a limparse nin desinfectarse logo de cada servizo. “Como todo o mundo sabe, está totalmente prohibido que este tipo de traballos se fagan na vía pública, en contra do que ordena a empresa”.
De feito, tal e como puideron confirmar, ningunha das tres ambulancias que trasladaron aos catro pacientes de hemodiálise que deron positivo por coronavirus foi desinfectada na base: unha chegou á base e acto seguido foi recollida por outro condutor para facer un servizo; outra levouna outro condutor para a súa casa, e tería sido alí onde a desinfectou; e a terceira quedou aparcada na base sen limpar.
En canto ao rexistro de limpeza e desinfección ao que alude a empresa para defenderse das denuncias, lembran que “é unicamente unha liña que se cubre nun folio cada día á saída dos vehículos indicando se se limpou ou desinfectou”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario