28 de nov. de 2020

DEPORTES

O presidente da Xunta de Galicia participou este sábado na inauguración das novas instalacións deportivas do club en Mos (Pontevedra) 

Feijóo destaca a importancia da nova Cidade Deportiva do Celta para reforzar o futuro do fútbol e do deporte galego  

Lembra que o club merecía contar cun espazo de “primeira”: “Unhas instalacións propias, de última xeración, á altura da súa relevancia e abertas aos veciños da área”, salientou

 

Feijóo destacou durante o acto de inauguración oficial da nova Cidade Deportiva “Afouteza” do Real Club Celta de Vigo

Infogauda / Mos

  O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, salientou hoxe a importancia da nova Cidade Deportiva “Afouteza” do Real Club Celta de Vigo para reforzar o futuro do fútbol e do deporte galego.

 Feijóo destacou durante o acto de inauguración oficial do complexo en Mos que servirá para adestrar aos talentos “do presente e do futuro do Celta e, en consecuencia, do fútbol galego” e manifestou que a entidade deportiva merecía contar cunha Cidade Deportiva “de primeira” para o primeiro equipo e os conxuntos da canteira.

 


“Unhas instalacións propias, de última xeración, á altura da súa relevancia, e abertas aos veciños da área”, incidiu, ao tempo que lembrou que a súa posta en marcha fai realidade o desexo expresado polo club como unha “necesidade imperiosa”.

 Na súa intervención, o presidente recordou o apoio da Xunta de Galicia ás aspiracións do Celta para que continúe a ser un “estandarte do Vigo metropolitano e de toda Galicia”. Así mesmo, precisou que o club contribuíu “ao mellor da historia do deporte galego” e que, como “patrimonio deportivo” de todos, as Administracións deben entender o seu papel, respectalo e apoialo.

 Por outra banda, e tras mencionar o espírito de “afouteza” que forma parte da identidade do Celta, precisou que o obxectivo é recuperar a normalidade no deporte ante a pandemia. Así, mencionou a participación da Xunta na elaboración e aprobación de case 70 protocolos deportivos para as federacións galegas e instalacións.

Ningún comentario:

Publicar un comentario