30 de nov. de 2020

CULTURA

A Xunta de Galicia e o CSIC conclúen o estudo histórico-arqueolóxico do túnel de Montefurado en Quiroga  

A investigación permitiu investigar a estabilidade estrutural deste elemento e constatar que forma parte dun conxunto mineiro moito máis amplo

 

Na actuación, que conta cun orzamento por parte do Goberno galego de 40.000€, documentouse a rede hidráulica que abastecía de auga aos frontes mineiros


Infogauda / Quiroga (Lugo)

 A Xunta de Galicia e o Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) veñen de concluír o estudo multidisciplinar do túnel de Montefurado, en Quiroga, que permitiu afondar no coñecemento dunha das obras máis representativas da minería do ouro romana.

 O estudo impulsado polo Goberno galego mediante unha achega de 40.000 euros, enmárcase nunha actuación máis ampla dividida en dous grandes bloques: estabilidade estrutural e valor histórico-arqueolóxico. O primeiro dos bloques foi executado polo Instituto Geológico Minero de España e a empresa Terrae Geoconsulting S.L. O segundo levouse a cabo baixo a dirección de Brais X. Currás e F. Javier Sánchez-Palencia, investigadores do Instituto de Historia do CSIC e membros do grupo de investigación Estrutura Social e Territorio-Arqueoloxía da Paisaxe ( EST-AP), que conta cunha longa traxectoria no estudo e posta en valor das paisaxes mineiras da Antigüedad. Contouse tamén con Javier Fernández Lozano, xeólogo da Escola de Minas da Universidade de León.

 Un dos principais resultados desta investigación que se alongou durante máis dun ano é que o túnel non é unha realidade illada, senón que forma parte dun conxunto mineiro moito máis amplo. “Durante os dous séculos que durou aproximadamente o desenvolvemento da minería do ouro no noroeste da Península Ibérica, tras a conquista levada a cabo por Augusto, todo o tramo medio do río Sil foi intensamente explotado”, explican os investigadores. Proba disto, engaden, é que os marxes do río aparecen balizadas por decenas de labores mineiros.

 Para documentar estes restos, empregáronse medios de teledetección como a fotografía aérea histórica, voos de dron ou o uso da tecnoloxía LiDAR, que permiten obter un modelo do terreo de alta precisión. Ademais, durante os traballos tamén se conseguiu documentar a rede hidráulica que abastecía de auga ás frontes mineiras, así como identificar con detalle, en colaboración co arqueólogo Santiago Ferrer, o trazado da rede hidráulica que derivaba o río Xares ata as minas situadas xunto ao Montefurado. Tamén se constatou a existencia doutra canle, peor conservada, que levaba as augas do Regueiro de San Martiño, situado nas inmediacións de Seadur.

 Os traballos complétanse cun estudo documental coa historia do túnel que vai desde as primeiras referencias dos anticuarios humanistas, como Bartolomeu Sagrario de Molina, ata o intento do seu reaproveitamiento con fins mineiros durante o primeiro cuarto do século XX.

Ningún comentario:

Publicar un comentario