Comezou na vila a exposición “Sempre Vivas”
• Poderá visitarse ata o 4 de decembro, de 9:00 a 15:00h, na Casa dos Alonso.
• Dentro da campaña de sensibilización En Negro contra as Violencias, máis de 200 persoas achegáronse ata o Concello a recoller o material da mesma.
• Un vídeo recolle a lectura do manifesto do 25N, con imaxes da elaboración dos traballos expostos en “Sempre Vivas”.
O alcalde de A Guarda, a concelleira de Igualdade e a tenente de alcalde, na Casa do Concello, conmemorando o 25N
Infogauda / A Guarda
O Concello de A Guarda, a través da Concellería de Igualdade e o Centro de Información á Muller, organiza a exposición “Sempre Vivas”, para conmemorar o 25 de novembro, Día contra a Violencia de Xénero.
Nesta exposición participaron todos os centros educativos da Guarda, a Asociación Avelaíña, o Centro San Xerome e o Obradoiro de Emprego de A Guarda, e pódese visitar dende hoxe día 25 de novembro ata o 4 de decembro, de 9:00 a 15:00h na Casa dos Alonso.
Con motivo do 25M, desde o Equipo de Goberno do Concello de A Guarda fixeron públicas as seguintes reflexións: “Queremos manter na nosa lembranza a todas as mulleres ás que lle despoxaron os soños, os recordos e o seu propio alento. Todas as vidas que alguén decidiu que non merecían continuar e apagaron pola forza.
O obxectivo desta exposición é homenaxear ás vítimas da violencia de xénero, para que non sexan borradas do mapa de balde. En certo xeito, queremos volver a darlle vida, enchendo as súas siluetas de cor, de mensaxes, de alento, ... para que a súa lembranza permaneza en nós e nos motive a reflexionar sobre o xeito en que nos achegamos á lacra da violencia machista como sociedade, pondo por bandeira a sororidade e a afouteza para combater e denunciar estas situacións. Queremos facer partícipes ás crianzas, porque elas son o futuro, e unha educación a favor da igualdade entre todas as persoas sen distinción de xénero ou condición é o comezo da andaina.
Dende o Concello de A Guarda quérese facer un agradecemento a todos os centros educativos, institucións e entidades que participaron na elaboración do material desta exposición”.
Campaña En Negro contra as Violencias
A Concellería de Igualdade do Concello da Guarda, con motivo da Conmemoración do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, uniuse un ano máis á campaña de sensibilización En Negro contra as Violencias, coa que se pretende tinguir de negro as vilas e cidades galegas.
Desde o Concello, púxose a disposición da cidadanía, establecementos comerciais e asociacións, de forma totalmente gratuíta, cartelería, camisetas e mochilas e xa destinado especificamente ao sector da hostalaría, pousavasos e panos para que do 17 ao 25 de novembro, vestisen as tendas, comercios, empresas, bares, postos do mercado, etc. de negro, así coma os maniquís, manteis dos restaurantes e ás/ós propias/os traballadoras/es. A iniciativa foi un éxito, esgotándose todo o material da campaña.
Vídeo manifesto polo 25N
O alcalde de A Guarda, Antonio Lomba Baz e a concelleira de Igualdade, Fátima Rodríguez Marcos, elaboraron un vídeo no que deron lectura ao manifesto do 25N, e no que se amosan os traballos elaborados polos centros educativos, institucións e entidades que participan na exposición “Sempre Vivas” para conmemorar o 25 de novembro, Día contra a Violencia de Xénero.
Ningún comentario:
Publicar un comentario