7 de out. de 2020

CULTURA

O Museo de Pontevedra inicia a vindeira semana as visitas guiadas á exposición de Xaime Quessada  

Será precisa inscrición previa cun máximo de nove prazas por quenda debido ao protocolo sanitario da Covid-19

 


Infogauda / Pontevedra 

 O Museo de Pontevedra vai iniciar a vindeira semana as visitas guiadas á exposición ‘O Universo de Xaime Quessada'. Comenzarán o vindeiro 15 de outubro e desenvolveranse todos os xoves e sábados ás seis da tarde. Como novidade, e debido á situación sanitaria motivada pola  Covid-19, será necesaria a inscrición previa.  

 O público xeral poderá visitar a exposición de Quessada de maneira libre ata o próximo 10 de xaneiro de 2021. Ademais das visitas guiadas, o Museo ten previsto desenvolver outras accións para dar a coñecer a relevancia do artista, tales como obradoiros e faladoiros durante os vindeiros meses.  

 Esta exposición, a última grande prevista polo Museo para este ano, é unha mostra comisariada por Pilar Corredoira na que se exhiben máis de medio cento de obras realizadas ao longo de cinco décadas de actividade creadora e na que se reflicten dúas das características máis outorgadas ao autor: liberdade creativa e compromiso social. Preténdese facer un percorrido polas súas obras temperás, de finais dos anos cincuenta; as da década dos sesenta que xa revelan o artista batallador, viaxeiro e culto; e as novas creacións que van definindo as transformacións estilísticas e temáticas que teñen lugar nos anos seguintes.  

 Para participar nas visitas guiadas de ‘O Universo de Xaime Quessada' é preciso apuntarse previamente, habendo unicamente nove prazas por sesión debido ás restricións da Covid-19. O prazo para apuntarse comenzará unha vez o anuncio se publique no Facebook e na web do Museo, debendo chamar ao teléfono 986 804 100 do Gabinete Didáctico do Museo, ou formalizando a inscrición a través do correo electrónico gabinetedidactico.museo@depo.es en horario de 8:30 a 14:30 de luns a venres.  

Visitas guiadas xerais e ás Ruínas de San Domingos  

 Por outra banda, as visitas de carácter xeral ás coleccións do Museo continúan na súa programación habitual , de martes a venres ás 12 horas, ás 19 horas os sábados, e ás 12 horas os domingos e festivos.  Non é precisa inscrición previa pero é necesario  lembrar que o aforo nestes momentos está limitado a nove persoas como máximo.  

 No caso das visitas ás Ruínas de Santo Domingo, debido ao éxito de acollemento entre o público, mantéñense de martes a venres ás once da mañá ata que se peche o recinto de cara ao inverno -nunha data aínda non concretada-.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario