CUBERTAS EN 5 MINUTOS AS PRAZAS PARA O PROGRAMA ‘VIVE O RIO MINHO’ DESTE DOMINGO 27 EN TOMIÑO E O ROSAL
As actividades ecoturísticas levan ‘colgado’ o cartel de completo as tres fins de semana propostas, incluso con xente desprazada ‘ex profeso’ dende fóra da Galiza
Infogauda / Pontevedra
Cada vez mellor acollida: se as actividades ecoturísticas do programa da Deputación ‘Vive o Rio Minho’ para a primeira fin de semana esgotáronse en apenas unha mañá, as da seguinte fin de semana en apenas media hora, no día de hoxe as 50 prazas para as actividades de caiac e sendeirismo para o vindeiro domingo en Tomiño e O Rosal esgotáronse en menos de cinco minutos.
Así o confirmaron dende o servizo de Cooperación Transfronteiriza da Deputación de Pontevedra que xestiona a actividade. Segundo destacou o persoal técnico, algunhas das solicitudes que chegaron ás 9.05h para o domingo incluso quedaron fóra, formando parte da lista de agarda por se se produce algunha baixa. No caso da actividade do sábado (menos concorrida habitualmente por ser día laboral), neste caso en Tui e Valença do Minho, as prazas apenas tardaron un pouco máis e ás 9.30 horas da mañá xa estaban esgotadas.
Confírmase así o interese xa amosado dende o principio na spropostas para coñecer os concellos galegos e portugueses da ‘raia’ cunha perspectiva ecolóxica e natural. O éxito está a ser tanto que incluso se apuntan á iniciativa persoas de fóra de Galiza que se desprazan ata o territorio transfronteirizo unicamente para facer a actividade.
Hai que lembrar que ‘Vive o Rio Minho’ é un programa desenvolvido dentro do proxecto ‘Visit Rio Minho’ financiado con fondos europeos do programa ‘Interreg V-A POCTEP 2014-2020’’, que pretende ofertar unha alternativa ao turismo masificado paracoñecer o territorio transfronteirizo do Miño dun xeito tranquilo, seguro –seguindo protocolos sanitarios pola Covid-19- buscando a natureza, a cultura e toda a riqueza que ofrece a contorna.
No caso do vindeiro domingo, a proposta céntrase no caiac polo Miño e no sendeirismo. Farase unha ruta camiñando entre a desembocadura do río Tamuxe e o porto de Goián (onde se poderá ver a súa fortaleza) pola denominada ‘Senda dos Pescadores’, de nove quilómetros entre os concellos de Tomiño e O Rosal e de dificultade baixa. A continuación, realizarase o tramo inverso en caiac polo río. Ambas as rutas, que discorren por unha paraxe natural e cultural de moita beleza, estarán guiadas e interpretadas.
No caso do sábado 26 o eixo central será o cicloturismo e as visitas culturais. Realizarase unha ruta en bicicleta pola ecovía do Miño entre Valença do Minho e Vila Nova de Cerveira e un pequeno percorrido cunha visita guiada polas vilas históricas de Tui e Valença do Minho. Nesta actividade o grupo dividirase en dous. Mentres unhas persoas realizan a ruta en bici desde Valença ata Vila Nova de Cerveira, as outras visitan Valença do Minho e Tui. A continuación, este segundo grupo desprazarase en autobús ata Vila Nova de Cerveira para facer a ruta en bici ata Valença do Minho. O mesmo autobús levará o primeiro grupo a Tui e Valença do Minho para a visita guiada.
Igual que nas anteriores xornadas, desenvolveranse unha serie de medidas anti-Covid-19, xa que as persoas participantes e guías manterán a distancia de seguridade durante a actividade; o uso de máscara é obrigatorio.
Hai que lembrar que xa só queda unha actividade –para público xeral- á que apuntarse dentro do programa ‘Vive o Rio Minho’, que é a do 3 e 4 de outubro, que se plantexa como unha fin de semana completa na que se combinarán as rutas de sendeirismo, a observación ornitolóxica, visitas guiadas, e unha visita dramatizada no castro do Monte Santa Tegra, no municipio de A Guarda. A inscrición realizaranse entre o luns anterior (día 28) ás 9 horas e ata o xoves (1 de outubro) ás 23 horas no caso de non cubrir as prazas con anterioridade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario