3 de set. de 2020

TUI

O Partido Popular amosa a súa “oposición firme e contundente” a que o Goberno central incaute no Baixo Miño e Louriña máis de 25M€ dos aforros dos concellos  

• Presentan mocións en todos os concellos da provincia e na Deputación de Pontevedra para instar ao Goberno central que non se apropie dos recursos das entidades locais e que sexan os propios concellos quen poidan usar o 100% dos seus remanentes.  

Os deputados provinciais Alejandro Lorenzo, Jorge Cubela e Carmen Amoedo, xunto aos voceiros dos concellos destas comarcas


Infogauda / Tui 

 O Partido Popular denunciou esta mañá en Tui que o Goberno central quere apropiarse de máis de 25 millóns de euros dos aforros dos concellos do Baixo Miño e Louriña, de xeito unilateral e sen o consenso cos alcaldes. Os deputados provinciais Alejandro Lorenzo, Jorge Cubela e Carmen Amoedo, xunto aos voceiros dos concellos destas comarcas, lamentaron esta decisión e por iso anunciaron mocións en todos os concellos da provincia e na Deputación de Pontevedra para instar ao Goberno que non se apropien dos recursos das entidades locais, e que sexan os propios concellos os que poidan usar o 100 por cento dos seus remanentes.  

 Así o explicou Alejandro Lorenzo, que lamentou que “todos os concellos e entidades menores estabamos cumprindo as regras de gasto e todos os criterios que se impoñían para ter remanentes positivos nos concellos, e hoxe a través deste real decreto queren incautar máis de 25 millóns de euros, prexudicando de unha forma clara aos nosos veciños”.   

 Por isto, o voceiro do grupo provincial, Jorge Cubela, destacou a “oposición firme e contundente” dos grupos municipais e do grupo provincial á aprobación deste real decreto. “Son 25 millóns de euros que poderían destinarse a investimentos, servizos, gasto social ou amortización de débeda destes concellos, e que non están sendo defendidos polos alcaldes socialistas nin doutros partidos políticos que foron partícipes do goberno PSOE e Podemos en Madrid”.   

 Lamentou a ruptura do consenso dos alcaldes na Federación Española de Municipios y Provincias (FEMP), “que propiciou Abel Caballero ao plegarse aos intereses de Pedro Sánchez e cun cheque en branco ao partido socialista en lugar de defender os intereses do municipalismo”.  

 Pola súa parte, o voceiro local do PP de Tui, Jose Ángel Fernández, destacou que “é fundamental que todos nos unamos fronte a este dislate da FEMP que, en connivencia co Goberno central, tomou unha decisión moi prexudicial para os intereses dos nosos veciños”. Por iso, chamou a facer forza para que o real decreto non saia adiante, “porque supón expropiar e expoliar os aforros dos concellos, privándoos da súa autonomía municipal e financeira”.   

Proposta  

 Os populares solicitarán o apoio expreso dos concellos e da institución provincial ao recurso de inconstitucionalidade que o Grupo Popular no Congreso dos Deputados presentará contra a Real Decreto-Lei 27/2020 para defender os intereses de todas as entidades locais e os aforros dos veciños e veciñas, así como o seu rexeitamento ao procedemento negociador que o Goberno de España mantivo coa FEMP para chegar a un acordo dese unha "apariencia" de apoio unánime das entidades Locais ao decreto.   

 Así mesmo, instarán a solicitar aos órganos dos competentes da FEMP a reprobación do seu presidente, Abel Caballero, e a mostrar o seu profundo rexeitamento a calquera medida do goberno de España tendente a apropiarse dos aforros acumulados pola cidadanía.   

 A proposta do PP insta o Goberno de España a atender as demandas dos concellos para que poidan dispoñer do 100% dos seus remanentes de tesourería para a loita contra os efectos negativos da Covid-19, levando a cabo para ese efecto as modificacións legais que resulten pertinentes. E en todo caso, a respectar e garantir a autonomía que a Constitución Española e as súas leis outorgan ás entidades locais para a xestión dos seus recursos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario