30 de set. de 2020

TOMIÑO

Unha viaxe teatral pola vida de María Casares inaugura a axenda cultural de outono do Concello de Tomiño  

Completan a axenda outras cinco citas para público infantil e adulto a partes iguais. É necesario reservar praza por teléfono ou correo electrónico  

A actriz e bailarina Sonsoles Cordón, de Goián (Tomiño), forma parte dun elenco que encabezan Belén Constenla e Nerea Brey  

 


Infogauda / Tomiño

“Despois das ondas. Unha viaxe teatral pola vida de María Casares” abre o vindeiro sábado, tras o parón do Covid-19, a Axenda Cultural de Outono do Concello de Tomiño. 

 Nesta peza, mesturando cinema en directo, teatro e música, percorreranse os lugares e momentos da vida de María Casares, actriz coruñesa de talla internacional considerada musa do existencialismo francés, na súa viaxe de retorno tras corenta anos de exilio.  

 O espectáculo é unha produción da Deputación da Coruña e Butaca Zero sobre o texto de Ernesto Is, gañador do Premio Rafael Dieste da Deputación da Coruña. O elenco, encabezado por Belén Constenla e Nerea Brey, dando vida a María Casares, conta tamén coa actriz, bailarina e coreógrafa goianesa Sonsoles Cordón, que interpreta unha ampla gama de personaxes que acompañaron á diva coruñesa na súa traxectoria vital, por exemplo, Albert Camus, o seu grande amor.  

 Completan a axenda outras cinco citas para público infantil e adulto a partes iguais, ofrecéndose as obras para público adulto en días sábado e horario nocturno, e as infantís, en domingo, en horario de tarde. 

 Todos os espectáculos están programados no Auditorio de Goián, aínda que o aforo verase reducido por mor do protocolo Covid-19, seguindo todas as medidas de seguridade para garantir unha cultura segura.  

 A segunda das citas culturais deste outono será o vindeiro domingo, 4 de outubro, ás 17.30 horas. O grupo Viravai, chegará coa súa obra “As viaxes de Paio e Aurelio”; unha proposta para público infantil e familiar.  

 “As viaxes de Paio e Aurelio” relatan as andanzas dun teixugo molón e un oso polar, que visitarán o Polo Norte, nun espectáculo no que se abordan temas coma a diversidade, as linguas, as culturas, a amizade, a boa alimentación, nun contexto de respecto aos valores fundamentais. Esta actividade está destinada a familias con nenos e nenas.   

 A axenda continuará o sábado 17 de outubro, cun monólogo de Federico Pérez, seguido da obra “A casa do terror”, de Xoán Curiel e A Banda do verán, o domingo 18.  

 Ademais, é preciso reservar previamente as prazas, chamando ao teléfono 986 622 001 ou ben enviando un correo electrónico a cultura@tomino.gal 

 A venda e recollida de entradas será na taquilla do propio auditorio dende unha hora antes do inicio do espectáculo.   

PROGRAMACIÓN: 

DESPOIS DAS ONDAS, Butaca Zero. 

Sábado, 3 de outubro ás 22h. 

Auditorio de Goián. 

Prezo: 7 euros. 

Público adulto.  

AS VIAXES DE PAIO E AURELIO, Viravai. 

Domingo, 4 de outubro ás 17.30h. 

Auditorio de Goián. 

Prezo: 5 euros (menores de 12 anos 2,5 euros) 

Público infantil e familiar.  

MONÓLOGO DE FEDERICO PÉREZ 

Sábado, 17 de outubro ás 22h. 

Auditorio de Goián. 

Prezo: 3 euros. 

Público adulto.  

A CASA DO TERROR, Xoán Curiel e a A Banda do Verán. 

Domingo, 18 de outubro ás 17.30h. 

Auditorio de Goián. 

Prezo: 3 euros (menores de 12 anos 1,5 euros) 

Público infantil e familiar.  

A TOUPIÑA QUE QUERÍA SABER QUEN LLE FIXERA AQUILO NA CABEZA, A xanela do Maxín. 

Domingo, 15 de novembro ás 17.30h. 

Auditorio de Goián. 

Prezo: 3 euros (menores de 12 anos 1,5 euros) 

Público infantil e familiar.  

BERNARDA, Malasombra. 

Sábado, 28 de novembro ás 22h. 

Auditorio de Goián. 

Prezo: 5 euros. 

Público adulto.

Ningún comentario:

Publicar un comentario