O Concello de Tomiño participa nun proxecto europeo para promover a formación en valores a través da música
Pretende incentivar o respecto, a creatividade, a comunicación ou o traballo en equipo intercambiando experiencias e boas prácticas da Escola de Música de Goián con entidades portuguesas e italianas
Musical Camp in Tomiño
Foto: C.T.
Infogauda / Tomiño
Play2 Grow! é o nome que agrupa os Concellos de Paredes de Coura e Tomiño e ás respectivas Escola de Rock e Escola de Música de Goián, coa Fondazione Maria Ida Viglino per la Cultura Musicale de Aosta (Italia), nun proxecto Erasmus que pretende xerar un conxunto de actividades formativas que permitirán a mozos e mozas adquirir unha serie de valores e habilidades a través da música.
O proxecto, iniciado a finais de 2019, desenvolverá unha serie de recursos de formación innovadores dirixidos a traballadores xuvenís e formadores de escolas de música, para que poidan mellorar a provisión de habilidades e valores chave como o respecto, a creatividade, a comunicación ou o traballo en equipo nas súas respectivas aulas.
O desenvolvemento da iniciativa, previsto ata o verán de 2021, irá proporcionando achegas en canto a metodoloxía e formación curricular, e unha ferramenta de intercambio de coñecementos colaborativos para a aprendizaxe dinámica e a interacción en habilidades chave a través da música: Play2 Grow HUB.
Toda a información está dispoñible en premendo aquí e nas canles do proxecto en Youtube, Facebook e Instagram. Na Rede poden atoparse xa publicadas algunhas das boas prácticas identificadas ata agora, entre as que se inclúen os campamentos e concertos didácticos da Escola de Música de Goián e a súa práctica solidaria de intercambio de instrumentos musicais.
Ningún comentario:
Publicar un comentario